MAGOSTO

Un magosto único en Os Milagros

Escolares e profesores do CEIP Baños de Molgas escolleron o magnífico entorno dos Milagros para celebrar a tradicional festa de outono con chourizos, castañas asadas e moita diversión

Os nenos e nenas do CEIP Baños de Molgas, minutos antes de partir cara aos Milagros para celebrar o magosto.
Os nenos e nenas do CEIP Baños de Molgas, minutos antes de partir cara aos Milagros para celebrar o magosto.
Un magosto único en Os Milagros

Era un día de festa e a ledicia entre escolares e mestres xa era palpable dende primera hora da mañá. Era o día da festa do magosto e como cada ano todo estaba ben preparado para gozar dunha xornada única de celebración que tanto agardan todos durante todo o ano. En torno ás dez da mañá, os 35 escolares do centro, de Educación Infantil e Primaria, acompañados polos seus profesores, posaban diante do centro para as cámaras de Telemiño antes de tomar rumbo aos Milagros, punto escollido para a celebración do magosto. Este destino é cada ano, sempre que o tempo o permite, o lugar escollido para acoller esta festa de outono que tanto lle gusta aos escolares. Acompañados polo equipo de Telemiño e polo fotógrafo de La Región comezaron a andaina ata o Santuario, un traxecto que resultou ser do máis animado e divertido. 

A primeira parada do camiño foi no Parque Ansuiña, onde os cativos aproveitaron para xogar coas follas e foron testemuños da gran variedade de tonalidades de follas que se poden contemplar neste espazo cheo de encanto. Tras un breve descanso, a ruta continuou ata chegar aos Milagros, onde o primeiro que fixeron foi unha visita guiada ao museo a cargo de Eligio Rivas, que, con todo luxo de detalles, lle foi explicando aos cativos cada peza ubicada neste espazo cheo de historia. Tras a visita, non faltou a parada na igrexa antes de comezar co que sería a propia celebración do magosto.

Aproveitaron a celebración para visitar o museo e a Igrexa

Para comezar a festa compartiron unha serie de xogos populares para os que empregaron material de refugallo coa temática das castañas. Foi un dos momentos máis divertidos onde os escolares amosaron as súas habilidades ante diversas probas. Despois xa chegou o momento da comida, onde degustaron deliciosos chourizos asados e postres a base de froita, bica e as tan agardadas castañas. Chegaba o momento de regresar, pero os escolares tiñan moi claro que non volverían ata que todos estiveran ben pintadiños de negro coa cinza. E así, como se dun novo xogo se tratara, non quedou nin un alumno sen pintar e lucindo un enorme sorriso que deixaba claro o ben que o pasaron neste día de festa ao aire libre.