DE QUE SE FALA

Un tesouro con sombreiro

articulo4_result
photo_camera Os mosteiros foron na Idade Media os lugares por excelencia para reproducir, conservar e almacenar libros.

Achegamos curiosidades sobre a fascinante historia da letra Ñ

Hai pouco estiven en Vigo vendo unha exposición, a cal recoméndoche, sobre os inventos e traballos máis relevantes do xenial e polifacético Leonardo da Vinci (Italia, 1452-Francia, 1519). 


Leonardo e a letra ñ


Hai moitas cousas que non sabía del. Unha delas é que sendo ambidiestro, escribía coa esquerda cunha caligrafía chamada "escritura especular", é dicir, de dereita a esquerda e as letras invertidas horizontalmente, ... ou sexa ao revés, coma se as vises  nun  espello. Un exemplo actual de escritura especular é a palabra "ambulancia" que aparece escrita así no vehículo médico para que os condutores que van diante da ambulancia lean a palabra en sentido normal nos seus retrovisores. 

E pensando nisto da escritura e das letras, lembreime do ñ, si da letra "eñe" porque en latín nin a letra nin o son correspondente existían ata que o latín evolucionou e empezaron a xurdir as linguas románicas, galego, castelán, francés, italiano...onde si apareceu este son, mentres que no inglés non. 

Pero... como naceu a grafía?, ... a forma desta letra tan especial que so temos no galego e no castelán? Para sabelo hai que retroceder aos mosteiros da Idade Media. (s.V-XV). 

Así que, ímonos vestir coma un monxe medieval cunha túnica escura cun cordón cinguido á cintura, unha capa, por se vai frío, calzado cómodo, poñémonos a  carapucha e... imos aló!!


O ñ e os monxes copistas do medievo


Os mosteiros  foron na Idade Media os lugares por excelencia para reproducir, conservar e almacenar libros. Os monxes copistas ou amanuenses eran quen se adicaban a esta dura tarefa por varios motivos, pero principalmente porque sabían ler e escribir en latín, feito que non era moi común daquela. O latín era a lingua culta na que se escribían os textos sagrados e tamén os profanos de obras de grandes filósofos da Antigüidade, como Platón ou Aristóteles. Os monxes, encargados de custodiar coidadosa e secretamente os libros, eran os únicos que podían acceder a estas obras, como poderás ver na película de 1986: " O nome da rosa" dirixida por Jean-Jacques Annaud (Francia, 1943). O director francés baseouse na novela histórica e de misterio  de Umberto Eco (Italia,1932) para contarnos a investigación que realizan frei Guillermo de Baskerville e o seu alumno Adso de Melk, ao redor duhna misteriosa serie de crímenes que suceden nunha abadía benedictina dos Montes Apeninos, en Italia. Asasinatos producidos a causa, precisamente duns libros considerados "prohibidos" por un monxe cego que habitaba na abadía. A película, ambientada no turbulento ambiente relixioso do século XIV, mostra  o traballo  que desenvolveron os copistas no “Scriptorum”, o lugar onde os monxes adicaban longas xornadas copiando obras excepcionais,  en duras condicións de frío, humidade, pouca luz e con materiais moi malos, para reproducir con plumas de ave sobre pergamiños, os manuscritos que estaban ilustrados con preciosas imaxes: como a letra capital ou capitular que era a inicial da primeira palabra dun texto, máis grande e decorada; e tamén con debuxos exquisitos chamados miniaturas e iluminacións.

Así, fixéronse libros tan marabillosos como o Beato de Liébana, o Códice Calixtino ou O Libro de Horas. Pero, facer estas obras da arte literaria e o deseño artístico, supuxo para estes homes, moito, moito tempo e veña copiar, copiar, e máis copiar... así que había que pensar maneiras de acabar antes o traballo.


Un sombreiriño e... listo!


Como o son do ñ  non existía no alfabeto latino, os copistas tiveron que  inventar distintas formas de facer a grafía da letra ñ nos textos das linguas romances, e do xeito máis práctico posible e así no século IX, o son aparece coa forma ou grafía nn, pero para apurar e finalizar rapidamente , deixaron un so n poñéndolle unha vírgula enriba (ese sombreiriño tan característico do ñ). Isto foi unha solución para aforrar pergamiño e facilitar o duro e monótono traballo dos monxes copistas. Por esta razón, tamén utilizaban moitas abreviaturas para rematar antes , pois ás veces, tiñan que facer varias copias dun mesmo libro para entregar a outros mosteiros.

Vaia!,... e pensar que xa en China no século XI, utilizábase a imprenta. En Europa, non foi ata o século XV, grazas a Gutenberg que a perfeccionou ... Hoxe en día utilizamos fotocopiadoras, impresoras, escáners... Ai..., pobres amanuenses do medievo! Sexa como sexa, a escritura é un marabilloso  invento do ser humano. Sen dúbida, xurdiu pola necesidade de comunicar e de expresar ideas, conceptos, sentimentos,... para que quedaran reflexados dalgún xeito e nalgún lugar. Así, as primeiras formas de escritura foron debuxos, chamados  pictogramas ou ideogramas e os primeiros materiais utilizados: a pedra, o barro, a madeira... ata que a civilización exipcia ideou o papiro. Por iso, debes ter unha boa caligrafía, pois ter unha letra bonita dirá moito de ti.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar
xornalescolar_0304_otitis_01
Escola de Familias

¿Qué es la otitis?

xornalescolar_0304_nuria_01
De que se fala

Solo lo que suma