Opinión

A batalla das formas da lingua

As linguas pódennos aloumiñar os oídos ou encarrapichar as orellas e que nos queden como a Star Treck ou a Ibarretxe. Pero nese sentido que uso arestora para lingua, non me refiro aos idiomas -fermosos e apaixonantes todos como corresponde a vehículos de comunicación e relación entre seres humanos- senón en como soan os discursos, as expresións dos falantes, as modalidades estilísticas que usamos para a comunicación. E isto, claro, tamén vai moito máis alá das diferenzas entre os que teñen a sorte dunha voz sedutora e engaiolante, tipo locutor de Radio 3, e esoutros que de natural teñen na gorxa un punteiro coa palleta seca e medio fendida. Ao que me quero referir, e enténdanme ben, é ao exceso de paixón, á xesticulación enfática desmedida, á selección dun vocabulario agresivo que renxe e á formulación ferinte de frases e textos con intención única de producir desacougo no oínte porque de aí, o emisor, pretende sacar algún rédito. Porque a fala, os sons, as palabras, significantes e significados, pódennos acougar ou desacougar, tranquilizar ou exacerbar, serenar ou desquiciar. É unha evidencia. Non é preciso que lles explique por que para durmir un neniño hai que cantarlle unha naina suave e con ton de mel e non poñerlle música rock a todo volume sobre a que destaque a voz esgazada de Yosi. 
E creolles que as formas estéticas da comunicación política -e todas as formas en xeral, pero ese é outro tema- levan feito escorregar a nosa colectividade humana por uns vieiros de desasosego excesivos. Sen descoñecer que non estamos nun país perfecto, si sei que estamos nun país afortunado e normal. A nosa mocidade é igual que o resto das mocidades occidentais; os nosos servizos -sanitarios, educacionais, trasporte, ocio... - son semellantes aos de calquera dos países do noso medio. Se cadra un pouco mellores en sanidade -grazas en moi boa parte ao compromiso dos profesionais- e un pouco peores en educación -se cadra por causa dunha ultrapermisividade e certa deixadez colectiva-. E non podo deixar de lembrar as miñas primeiras viaxes a Europa nos anos 73 e 74; e si, daquela Europa era distinta. No tema político, claro, pero tamén no da vida cotiá: alá había mellores coches, televisións a cores, amplas autopistas, cosmopolitismo nos youth hostels. Agora somos un país do montón. Cos nosos problemas particulares, claro, pero cun inmenso balance positivo nos últimos cincuenta anos. Seguramente, o balance máis positivo de Europa neste tempo. A modernización política e social, económica e administrativa, a liberdade persoal e grupal, fan que España non se pareza en nada á de 1965. Desde logo moito menos que as Francia, Alemaña, Inglaterra ou Italia actuais ás daquel momento.
Quero sinalar que os discursos estrambóticos, cun radicalismo que lembra tempos pretéritos de hai varias xeracións (construír poder popular, derribar el régimen, asaltar el Parlamento), está contaminando a unha xuventude que, por sorte, non ten vivencias tan pretéritas. Porque si, xa de derrubou -cun grande pacto- o réxime vello, xa se asaltou o Parlamento -cos votos dos cidadáns- e xa se construíu o poder popular, a través das armas modernas, que se chaman votos. Todo o demais, todo o que nos afaste dos nosos parceiros occidentais, é totalitarismo. Venezuela, Cuba, non son exemplos a imitar. Debemos mirarnos nos espellos do éxito e de occidente. En fin, eses mozos deberían andar, por exemplo, sobre todo, no esforzo do éxito persoal, pois só a suma dos éxitos persoais e a boa organización, fai o éxito colectivo dunha sociedade. O demais, pamplinas. E cando vexo un rapaz de dezaoito anos -ou aos tardoadolescentes de Podemos- obsesionados con Franco ou co seu tempo, e facendo ridículas asimilacións entre persoas ou políticos de hoxe e os daquel período negro, penso que tratar de rehidratar unha bosta seca é un disparate. Nunca virá do pasado remedio ou esperanza para o futuro. Deixémonos de “estorias” e ollemos cara adiante.

Te puede interesar