Opinión

Benito Fernández Alonso e a biblioteca da Deputación

Os lugares de investigación humanística máis importantes de Galicia, para determinadas cuestións de cultura, son a Fundación Penzol en Vigo, a Real Academia Galega en Coruña e a Biblioteca da Deputación de Ourense. Non creo que esaxere.

Porque por unha especial conxunción de astros e persoas, a Biblioteca da Deputación serviu, desde os tempos de Victorino Núñez, de imán atractivo para excelsos conxuntos documentais. Así, sumáronse aos importantes fondos propios da institución provincial –hemerográficos e bibliográficos- os fondos persoais e bibliotecas de Blanco Amor –libros, correspondencia, fotografías...-, os de Alberto Vilanova, Ben-Cho-Sey, Federico e Matilde Lloria, Pura e Dora Vázquez, Benito Fernández Alonso e un etcétera nada despreciable, entre os que o última adquisición destacable sería o fondo arquivístico achegado por Xesús Alonso Montero.

Outros conxuntos documentais importantes de ourensáns “escaparon”, como o de Antonio Rey Soto, que rematou por no mosteiro de Poio, nos anos sesenta; e moito máis cerca de nós, o de Primitivo Rodríguez Sanjurjo, cuxos devecidos restos acabaron na RAG.

Ben. Salta a noticia de que a deputación ten a posibilidade de que os fondos hoxe en depósito de don Benito Fernández Alonso, pasasen a propiedade da Deputación a metade do prezo de taxación pagadeiro a prazos. O acordo sería unha magnífica noticia, pola principal razón da importancia dos fondos, polo estado de catalogación e conservación que os fai moi útiles, e pola personalidade do colector. Agradecéndolle a familia que os tivese en depósito ata agora, e que, repasemos quen é o autor.

Don Benito Fernández Alonso é unha das persoas máis activas e de maior prestixio cultural no tránsito entre os século XIX e XX en Galicia. Natural de Entrimo, despois de abandonar os estudos esclesiásticos, dedicouse ao comercio de panos na Praza Maior, ao tempo que desenvolvía unha intensa actividade cultural e social. Correspondente da Academia de Historia desde 1894, membro da Comisión Provincial de Monumentos, foi deputado provincial en 1904 e 1909, colaborador da prensa (El Heraldo Gallego, la Ilustración Gallega y Asturiana, etc.

En 1890 foi nomeado Cronista Oficial da Provincia, e desde o 19 de febreiro de 1915 ata a súa morte en maio de 1922, foi tamén Cronista Oficial da Cidade. O cuarto, despois de Arturo Vázquez Núñez, Juan Neira Cancela e Eugenio Marquina Álvarez; e antes de Emilio Vázquez, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cid Rumbao e Anselmo Morais. É autor dunha importantísima bibliografía de tipo histórico e documental. Destacamos, por exemplo, o seu magno estudo -650 páxinas- sobre a historia da igrexa e dos bispos da cidade, o libro orensanos ilustres, outro sobre os xudeos en Ourense e Galicia, os símbolos da cidade, a guerra hispano lusitana, e un longuísimo etcétera do que é testemuña tanto o Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense, como moitas revistas do resto da Terra e de América. As relacións científicas mantívoas con todo o mundo, incluso cos grupos sefarditas de Salónica. Foi membro fundador da Real Academia Galega e participou noutras moitas institucións como a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra ou a Academia de Buenas Letras de Barcelona. A profesora Carme Barbosa dedicoulle en 1995 unha boa biografía. Hai que facer o trato, é bo e xeneroso; non se pode escapar esta xoia.
 

Te puede interesar