Opinión

De convento a cuartel

A cousa sabémola bastante ben. O bispo de Ourense, un tanto bruto, queimoulle en 1294 o convento que os franciscanos tiñan na actual praza do Correxedor, por se teren refuxiado nel uns persoas do Concello detrás das que el andaba. Aos franciscanos pareceulles mal e denunciárono ao papa. Clemente V, en 1308, ordeoulle ao bispo construír á súa costa un novo convento por riba da cidade. Así, entre 1325 e 1350 remátanse a igrexa, claustro e convento; reformado e ampliado con outro claustro no século XVI. En fin, que durante case 500 anos foi lugar clave na vida cidade: desde reunións do Concello ata lugar de enterramento de poderosos; desde centro de educación anterior ao estado moderno, ata lugar de literatura popular, como o conto de Xan Brencellao de Lamas Carvajal. Sabemos, tamén, que por volta de 1834, coa desamortización, acabou pasando ao Ramo da Guerra e logo, desde 1991, empezouse a converter en zona de servizos culturais. 

Pero a imaxe do convento non tiña nada que ver coa fachada actual. As primeiras probas gráficas do tránsito entre o XIX e o XX -un debuxo da colección de Ático Noguerol que tiña Xocas e hoxe no AHPO, unha representación a cores nun mapa provincial dedicado ao ministro Eduardo Chao e unha foto feita desde a zona do Couto- móstrannos unha fachada moi lisa, posiblemente de cachotería, pintada de branco como o pórtico da igrexa, que tiña unha torre á súa beira. Isto correspóndese coa primeira fase do uso como cuartel, sen grandes reformas estruturais á parte da eliminación da portería e outras construcións anexas a oeste. 

Nesta segunda metade do XIX o exército non sabe moi ben como adaptalo. Hai varias propostas. Unha, revolucionaria, de 1861, propuña tirar con todo -claustro incluído- e facer un cuartel enorme cun só patio. Foi desbotada. O home clave na súa fasquía actual será o comandante enxeñeiro Bonifacio Menéndez Conde, quen fai un proxecto en 1906, sumamente sensible cos restos. Francisco Fariña e Dolores Fraga recollen no seu libro “O convento de San Francisco de Ourense”, de 2000, un pequeno extracto das súas palabras que nos poñen sobre a pista da reforma posterior. Na súa idea de conservar e rehabilitar canto tivese de valor, propuña -como así se fixo- eliminar o piso que se superpuxera ao claustro e “dar un ensanche de dos metros a la parte central de la crujia oeste, con el doble fin de cortar la monotonía de una línea de fachada tan larga...” E segue: “Las fachadas de todo el edificio se organizan del modo más compatible posible con las partes que existían de las mismas, y el arte a que deben subordinarse esos elementos de la construción, dando a la principal del cuartel un ligero carácter románico en el cuerpo saliente con que se le dota [...] para ser precursor del precioso estilo bizantino que tiene uno de los patios del interior”. E don Bonifacio é consciente de que “se separa en absoluto de lo que es corriente en edificios militares con el objeto de hermanar del mejor modo el cometido de la primitiva construción con el que ahora va a tener”. 

As obras axiña empezan pero serán lentas por temas orzamentarios. Lévaas durante uns anos o enxeñeiro militar Daniel de la Sota (futuro presidente da Deputación de Pontevedra e pai do grande arquitecto Alejandro de la Sota). As obras, con ese sabor románico para axeitalo ao claustro, debían estar acabadas en setembro de 1923, cando o claustro foi declarado monumento arquitectónico-artístico, co que quedou legalmente protexido. 

Se non chega ser por esa sensibilidade, igual acaba como Melón ou Trandeiras. Graciñas, pois, don Bonifacio. E seguintes, claro.

Te puede interesar