Opinión

Cousas de risco

Voulles contar un segredo. Cando me pára a Garda Civil de Tráfico e me mete unha multa, nin me inmuto. Penso que eses funcionarios fan o seu traballo e recadan cartos para pagar salarios, pensións, atender xente nos hospitais, pagar educación de nenos, asfaltar estradas e, de paso, facer que andemos máis a modo, que non ven mal. Nada que obxectar. Non é a primeira vez que case teño que consolar ao axente que se me desculpa pola excesiva finura dos radares de agora e as instrucións sobre o axuste de velocidade para multar. Pero pouco tería eu que lle argüír, pois se vou por riba do que me sinalan as normas e hai mala sorte e me cachan, pois a facer unha contribución extra ás arcas da nosa cousa pública, que ben lle cómpre. E coa mellor cara, pois encabuxarse non é de proveito nin soluciona nada. Ou sexa que de cutrería, pola miña parte, nada de nada. Pero ora ben... Non me gusta nada nadiña que eses cartos que foran meus, sexan zarraspicados por aí, gastados de forma indebida. 

Explícome. Toda a protección a nenos, a vellos, todo o investimento en saúde, en educación, en obras públicas, sanidade, todo o que resulte razoable, perfecto. E unhas veces uns gobernos pensan unhas cousas e outras outra. Pero para iso hai eleccións. Eu voto, cada vez, aos que creo que gastan mellor esa miña contribución. E por iso, non entendo porque hai que meter cartos en ir rescatar xente que lle dá por meterse en covas na selva de Perú, nas montañas de Marrocos ou por pasear polo Himalaya. Axuda aos desfavorecidos da historia moita, solidariedade coas desgrazas do terceiro mundo, toda. Metendo cartos, mandando axuda ou zoscando o que cumpra. Arrimar o ombro, por exemplo, cos habitantes de Haití ou Nepal, magnífico. Unha man de paus a Boko Haram ou ao Estado Islámico, se cadra tampouco está mal. Pero outra cousa é que haxa xente desta terra que lles dea por marchar a países lonxanos a pasear ou tocar o caneco... e pretender levar os dereitos e prestacións de aquí pegados ao cu. 

Non lles é o mesmo esvarar paseando a Outariz que facendo “trekking” en Langtang. E non lles debemos dar igual cobertura, claro. Se hai unha cousa que son os deportes, actividades ou viaxes de risco, pois non pode ter o mesmo tratamento administrativo que o torcer un pé nunha baldosa da rúa, á hora de mobilización de medios. Non señores, para algo están os seguros privados. Canto custou rescatar ao espeleólogo aquel da selva do Perú, ou ao pobre único supervivente da sima de Marrocos, ou enviar corenta ou cincuenta soldados ao Nepal a rebuscar entre os cascallos onde van os españois que non aparecen nun val perdido do Himalaya? Sen esaxerar, creo que os cartos das pensións de centos, se cadra miles de xubilados durante unha longa tempada. E non é demagoxia, non crean, é simplemente a necesidade de que o persoal asuma e cubra con seguros privados o risco do que quere facer privadamente, máxime fóra de España. Por iso os seguros de coches normais non cobren os mozos que andan nos rallies e menos, no París-Dakar. O noso estado do benestar non pode dar para os antollos do persoal, non dá para tanto.

Te puede interesar