Opinión

O día a maiores de febreiro

O lector sabe que estamos nun ano bisesto, o que significa que no mes de febreiro contamos 29 días. E sabe tamén que se engade un día cada catro anos, aproximadamente, para compensar os díxitos cos movemento de translación ao redor do Sol.  E explico o de aproximadamente. Este engadido dun día cada catro anos, xa se facía no calendario xuliano, pai do noso calendario de hoxe, e  que estivo en vigor desde o ano 46 a.C. ata a reforma do papa Gregorio  XIII que en 1582 oficializou o novo no sur occidental de Europa.

Pero resulta que o ano non dura 365,25 días exactos -o que corrixiría de xeito perfecto ese día a maiores do xuliano cada catro-, senón algo menos: 365,242189074. E que pasou logo? Que esa pequena diferenza, un erro de 11 minutos máis cada ano, fixo que ao longo de máis de un milenio, acumulase un desfase, na época do papa Gregorio, de máis de dez días. Así pois,  acordaron na refroma gregoriana fundamentalemente dúas cousas.

Primeiro facer choutar o calendario de tal forma que o día seguinte ao 4 de outubro de 1582 fose día 15 (Santa Teresa de Jesús morreu ese día 4 e enterrárona o día 15, á penas 24 horas despois). Segundo, facer excepcións nos anos  bisestos e que non fosen cada catro anos exactamente: non son bisestos, aínda que lles cadre, os múltiplos de 100, coa excepción dos que sexan múltiples de 400 que si engadirían día. Aínda así, con este arranxo, haberá un erro dun día cada 3.300 anos, pero iso pouco importa, tardaremos trinta e tres mil anos en volver acumular un erro semellante ao que detectaron no tempo do papa Gregorio XIII, e daquela, xa veremos o que facer. Temos tempo para pensalo.

Outra curiosidade. Dícia que se implantou o novo calendario en 1582 no sur de Europa (España, Italia, Portugal, Francia, Países Baixos, Luxemburgo...) e tardou máis noutros países. Por exemplo, Inglaterra asumiu o novo en 1752. E que? Pois que, aínda que se farten de dicilo nos medios cada ano, Cervantes e Shakespeare non marcharon o mesmo día. Ambos morreron un 23 de abril de 1616. Pero Cervantes contando polo gregoriano, e Shakespeare polo vello xuliano. Ou sexa, Shakespeare morreu dez días despois de Cervantes.

Por certo que o nome dese día bisesto, como dicimos xa introducido por Julio César, ten unha orixe transparente. Resulta que os romanos computaban o día de forma distinta a como facemos nós.  Para o que vén ao caso, ao día un de cada mes chamábanlle “kalendas”, e así falaban coma nós nas horas, do que falta para a en punto (seis menos dez, en vez de cinco cuenta). Así eles dicían as sextas, quintas, cuartas, etc. kalendas do mes seguinte. E o día que lle engadían a febreiro, non era ao final de mes, senón duplicaban o día sexto (facían un sexto bis, un bis sexto) antes da kalendas de marzo. Ou sexa que o duplicado era o día 24 de febreiro. Moi complicado. Menos mal que veu logo Constantino I e inventou as semanas, copiándoas de Babilonia, e  logo, desde Carlomagno, máis ou menos, se empezou a impulsar a numeración dos días dos meses. 
En fin, outro día lle tocará ao absurdo nos nomes dos meses. Que os que levan o nome de sete, oito, nove e dez, sexan en realidade o nove, dez, once e doce, xa lle ronca.  

De momento, abonda con falar deste mes de mala fama. Lembremos que “Febreiriño curto cos seus días vinte e oito, se durara máis catro, non quedaba nin can nin gato” e que nos convén o frío destes días, pois  “Febreiro quente trae o demo no ventre”. Non nos queixemos, pois.

Te puede interesar