Opinión

Instrucións para viaxar en ascensor

Existen, como saben, uns receptáculos en forma de gran caixa ou pequeno cuarto que cargan un número distinto de persoas en función do tamaño –das persoas e do receptáculo-  e que se desprazan polo interior dos edificios, públicos e privados, sempre en vertical, ascendente ou descendente a forza de electricidade. De usalos, non terá que botar mans dos doutos consellos de Julio Cortazar nas súas “instrucións para subir unha escaleira”.

Antigamente acostumaban levar un piloto profesional, varón, vestido de azul, botóns dourados e gorra, chamado “ascensorista” que era o encargado de abrir e pechar as portas, darlle á manivela ou premer o botón correspondente para ascender ou descender, ao tempo que anunciaba paradas, sorría e contestaba ás preguntas feitas.
Co auxe do mecanicismo e coa aprendizaxe de cada vez máis destrezas por parte das persoas, o oficio extinguiuse e a habilidade da pilotaxe pasou a supórselle a calquera individuo de calquera idade, sen ningún cursiño nin exame previo, independentemente da súa formación técnica ou humanística precedente. Protocolicemos para o común algunhas destas instrucións de viaxe.

Para empezar, vostede, ante a porta do ascensor, debe pensar rapidamente se vai para arriba ou para abaixo. Se ten intención de ir a un piso superior ao que está no momento,  premerá o botón da frecha que apunta cara arriba; de ter intención de ir a un inferior, premerá o que  apunta aos seus pés. Nunca, nunca, en ningún caso, debe premer os dous botóns. Porque a única posibilidade de que vaia para arriba e para abaixo ao tempo é desmembrando o seu corpo; cousa dolorosa e incómoda. Tamén debe evitar que os infantes que o acompañen xoguen cos eses botóns preméndoos compulsivamente. No caso de non atenderen ás indicacións por escaseza de capacidade de razoamento ou por malcrianza previa,  é indicado baterlle moderadamente coa man aberta na parte que denominaremos cu –da criatura- para que por métodos indutivos relacione o incumprimento da orde  –“non xogues cos botóns”-  cunha molestia difusa na parte posterior.

Vostede, entrementres, debe estar parado a uns cen centímetros da porta, para facilitar, educadamente, a saída da xente que vaia dentro. No caso de que o ascensor veña baleiro - pode suceder- cando pare diante súa e abra a porta, debe entrar ata o fondo e xirar sobre si mesmo para darlle as costas á parede final, habitualmente ocupada por un espello. As seguintes persoas que se incorporen, deberano facer ordenadamente e xirárense, igualmente, para lle dar as costas ás outras dúas paredes, pois a da porta deberá permanecer, no posible, libre. Olle se alguén premeu xa o botón do piso do seu destino, senón, fágao suavemente coa polpa do dedo índice ou anular.
De deterse o ascensor en pisos distintos ao seu, non deberá chiscar a lingua nin amosar contrariedade pois os desprazamentos, agás avarías, adoitan durar poucos minutos e, de viaxe, cómpre manter calma e boa actitude.

Se vostede está en liña de porta ao chegar ao destino deberá saír sen ceder o paso a ninguén, pois trátase de desaloxar o máis axiña posible. Pola contra, se está no interior, facilitará a saída por este orde: sillas de rodas, pais con silliñas de nenos e mulleres grávidas ou con nenos no colo. A cesión do paso farase cun sorriso e unha indicación coa man aberta. Chegamos.

Te puede interesar