Opinión

Podemos, sí, pero de podar

Despois de visto o visto, e de ver a súa actuación nos últimos tempos, non me acaba de encher o ollo o mulato irlandés Barak Obama. O seu lema –We can- copiado polo televisivo mosqueteiro Pablo Iglesias Turrión para denominar ao seu partido político, ocultan ambos información básica. Podemos. Vale. O que? Que é o que podemos? Facer círculos concéntricos? Incendiar Siria sen alternativa? Ter programas na TV tipo “Haló Presidente” para guiar ás masas indignadas cara á revolución bolivariana ou ao asaltar o ceo? Ameazar a todos? Lembren que a Falanxe tiña círculos, grupos de choque, e que eran un grupo revolucionario contra o sistema da democracia dos inicios dos trinta, fose república ou monarquía. Eran contrarios á “casta”, por seren eles xente de “raza”. A miña desconfianza dos salvadores vénlles da convicción de seren as sosas democracias occidentais consolidadas as que venceron, superando todos os pozos como o que nos encontramos na actualidade, os dous sistemas totalitarios que pairaron sobre Europa nas décadas pasadas: o fascismo e o comunismo. 

Que non o esquezamos, tanto monta, monta tanto. Si. Grazas á alianza das democracias occidentais de fóra de Europa –léase USA e algunha outra achega- coa resistencia europea –fundamentalmente Inglaterra- superamos primeiro a Hitler, e logo o outro sistema, complementario ao principio –reparto de Polonia, etc.-, acabou por colapsar de seu logo de máis doutros corenta anos de vergoña. 

En fin. Que si. Que creo que a alternativa é Podemos. Pero de podar. Hai que podar o sistema actual. Reformular as administracións de arriba abaixo. Son novos tempos. Cómpren novas estratexias. Expulsar a todos os corruptos. Denunciar a todos os corruptores. Non xa entre xulgados e cárceres, tamén facelos apestados da vida social. Por traizoaren a confianza neles depositada. Por poren en perigo unha conquista e pacto popular como foi a democracia.

A máxima honra e recoñecemento para unha persoa que é ser escollido por uns cidadáns que confían nela, para dedicarse aos intereses da sociedade común, vese contaminada pola rapina, polo afán desmedido de cartos –cousa paleta de seu, acomplexada polo que significa, e inútil para a felicidade- de tal xeito que parece difícil de comprender. Ou non. Se cadra é máis fácil do que pensamos. Os partidos, os políticos, gozan de mala fama. 

A sociedade civil retráese na participación pública. O terreo húmido e quente da xestión dos cartos públicos é propicio para que medre a hedra, a hidra, da corrupción. E así, arribistas de toda condición –xentes sen formación cuxo único mérito é a verba fácil ou xentes formadas de natureza zugona...- usaron a honrosa vía do aparente servizo público como vía dun repugnante apropiarse particular. Hai que podar. Ningunha árbore de cultivo, ou sexa da cultura, da civilización, pode ser deixada medrar sen coidados. Sen podas. Ás veces intensas. Como a que cómpre agora. Podemos podar. Debemos podar. Para que a árbore da democracia, da vida civilizada nos dea acubillo e nos protexa do sol que cega aos que miran para el.

Te puede interesar