Opinión

Aireadores de conciencias laxas

Acórdanse dos patróns medida? Os que estudamos daquela que eramos mozos e o fixemos antes do 1960, que foi cando cambiou a cousa, aínda deben estar conservados na moi francesa capital gala, tal e como se fixo sempre con todos os patróns medida.

Daquela un metro equivalía á dez millonésima parte dun cuadrante de meridiano terrestre e se conservaba en París tal e como se dixo e se fixo sempre cos demais patróns medida. Entón nas tendas de tecidos tiñan dúas marcas feitas na madeira do mostrador, ou unha vara de medir, ambalasdúas de igual lonxitude que a existente entres as dúas marcas feitas na barra de platino e iridio conservada en París.

Eran tempos nos que, na Praza de Abastos ourensá, feita polo arquitecto Manuel Conde Fidalgo, se non me equivoco, senón xa verán como o meu colega Fausto mo corrixe, aínda era posible ver pesar unha bola de pan centeo nunha balanza romana, ou contemplar como se colocaban as pesas nunha balanza das que tiñan dous pratos dourados, como se foran de bronce e ó millor o eran. Entón nesa mesma praza aínda vendían un caldeiro cheo de ancas de ra por unha peseta e, na rúa do Paseo, no extinto Bar Cortijo, daban de tapa unhas ancas de rá fritidas á romana. Mentres tanto, na Praza de Abastos de Pontevedra, que non sei quen a fixo, por un pataco, é dicir, o que nos chamabamos un can, ou sexa, dez céntimos de peseta, dábanche un balde cheo de berberechos; moluscos estes quen hoxe van máis caros cas nécoras. Moito leva cambiado o mundo.

Naqueles lonxanos días andaban polas tendas, comercios e mercados os chamados inspectores de pesos e medidas. Agora de ser aprobados eses protocolos dos que falamos antonte, os novos inspectores ou inspectoras, non se sabe se tamén os inspectoros, andarán fisgando polos botellóns, polas discotecas e por onde teñan a ben facelo ou se lles ocorra. Suponse así xa que non é de crer que, o seu labor de inspección e control, o fagan polas oficinas bancarias; posto que segundo se está a ver non vai quedar unha en pe. Ouh, que gozo será velos axexando olladas, escoitando susurros, en fin, tocándolle as narices a todo o persoal; armados que iran dun detector de olladas pecaminosas, virulentas, maliciosas, concupiscentes e mesmo impúdicas pois, pra entón, as ciencias terán avanzado unha barbaridade e todo iso xa será posible. Neses días en troques de mascariñas, bozos, tapabocas ou como se lles queira chamar ás proteccións ás que a covid 19 nos conmina, o mesmo hai que andar con gafas de sol ou coa ollada baixiña non vaia ser o caso.

Eses tempos, provistos xa de tales días e medidas, poden chegar máis axiña do que nos imaxinamos e algúns de nós consideramos indesexables, eu por caso. Ou non. Cando eu era máis mozo -agora sígoo sendo pero máis veciño xa dos oitenta ca dos setenta anos- moito foi o que se falou da civilización do ocio que, xa o saben, o ocio ven sendo todo o contrario do negocio. Daquela (estas idades todo sucedeu sempre daquela) fixéronnos soñar coa semana laboral de tres días dado que unha vez chegada habería tanto choio, habería tanto traballo que habería que establecer dúas quendas de traballo. Unha traballaría os luns, mércores e venres, mentres que outra estaría ocupada os martes, xoves e sábados, iso si, alternativamente. As xubilacións ían ser moi cedo, así como ós cincuenta anos, e habería que argallar vacacións, viaxes, diversións varias de xeito que eiquí ninguén se aburrise neses días de nugalla e sesta, de chanqueiros e tapa de orella nos baixos do Teatro Principal ou polbo no Metro-Litri, alí contra a catedral. A civilización do ocio! Onde iría parar a condenada? Preguntase por se alguén o sabe e dado que se debeu levar con ela a xornada laboral de oito horas, hoxe amplamente substituída por outra de doce e de catorce sen que eiquí a penas ninguén diga nada.

Nalgún momento houbo quen afirmou que do que se trataba era de facer ós ricos aínda máis ricos porque ese sería, ou é o millor xeito de que os pobres o sexan menos. Entón a xente púxose a elo cun fervor inusitado. Con dicirlles que ata houbo quen dixo que España se convertera na novena potencia industrial do mundo! E fomos nós e creémonolo. Agora está xa comprobado que canto máis ricos son os ricos, ó contrario do que se afirmaba, os pobres son máis pobres e corren xa uns malos ventos que algúns afirman debidos ós desprazamentos de aire viciado; un aire xerado polas portas xiratorias, eses ventiladores, eses aireadores de conciencias laxas.

Conciencias laxas son aquelas que parten do convencemento de que a caridade ben entendida comeza por un mesmo, cando non de que pola caridade adoita entrar a peste como principio básico e anterior ó dito; todo depende do punto de vista do espírito ventilado de tal xeito, un espírito ó que, normalmente, tanto lle importa un arre coma un xó. Non sei se me explico.

É curiosa a resposta que Olof Palme, o presidente sueco asasinado en plena rúa, o mesmo que algúns consideran como o pai do Estado do Benestar, un social demócrata loiro e antifranquista, lle deu a Otelo Saraiba de Carvalho, un dos capitáns do 25 de abril portugués, cando este se achegou deica Estocolmo pra falar con el.

“Que proxecto teñen vostedes pró Portugal liberado?”, preguntoulle o sueco ó portugués, e este contestoulle que o seu proxecto inmediato era acabar cos ricos. Contan que Olof Palme se calou un momento e que logo lle dixo: “Ah, que curioso, nós o que pretendemos é acabar cos pobres”. Acaso tiña razón o sueco. O procedemento non consiste en facer ós ricos máis ricos, que é o que está a suceder entre nós dun tempo a esta parte, conseguindo así que os pobres o sexan máis aínda. Tampouco consiste en acabar cos ricos, como desexaba Saraiva de Carvalho. O desexable é de supoñer que sexa que os ricos non o sexan tanto e que en xusta correspondencia os pobres tampouco non o sexan tanto como veñen sendo dende hai xa demasiado tempo.

Te puede interesar