Opinión

Atrocidades e ben común non son compatibles

Ceo en Madrid cunha xente do meu afecto. Do meu fondo afecto, si, pero coa que non comparto un sistema de ideas que permita confrontalas dun xeito construtivo; un xeito do que se derive non xa nun entendemento (iso sería moito pedir) senón unha convivencia enriquecedora, alomenos se o que pretendemos é seguir ceando xuntos na paz e harmonía mantidas ata ese xusto momento.

Xurde a certeza de que se impón un cambio de terzo no momento no que eu, imprudentemente, aludo á linguaxe guerra civilista que se vai forxando, de novo, nos medios de comunicación e, ante o visto, tamén no seo da sociedade xa que un esperta outro e por aí anda circulando xa a falla desa harmonía indispensable prá convivencia.

Pra miña sorpresa, os meus interlocutores poñen cara de incredulidade. Pra eles a linguaxe á que me refiro non é, nin moito menos, guerracivilista. Que vai selo! Pra eles é normal e lóxico que todo se estea a manifestar dun xeito tal que me leva a me amosar certamente preocupado. Intento explicar que se un le a prensa correspondente ós anos anteriores ó levantamento de xullo do 36 pode comprobar a semellanza a actual; de paso, pregúntome en voz alta que tería sucedido se, en troques de lle afectar tan só á cara, o tiro que lle pegaron a Vidal Quadras lle dese un pouco máis arriba, na fronte por exemplo. Pois nada. Pra eles é normal e lóxico o que eu sinalo con preocupación acaso extrema. A conversa continuou así, facéndoo por outros derroteiros e acabamos de cear como xente civilizada, chea de afectos mutuos, que contan xa cunha vixencia de anos.

Concluída a cea, logo das despedidas, comento coa miña muller -coa miña homa, como aínda se di nalgúns sitios de Muros- o sucedido pretendendo analizalo pra poder deterxer as razóns de que así sexa. Entón decátome dos contextos familiares nos que, durante anos, foron medrando os nosos amigos mentres eses tipos de comentarios e sentencias, ós que eu imprudentemente aludín, contribuíron, con toda normalidade, a forxar a aceptación de lemas, de consignas, xustificativas de actitudes execrables.

“Matarás con xustiza”, tamén “matar roxos non é matar” ou “matar azuis non é matar”, tamén “matar por exceso de patriotismo” ou “roubar á igrexa non é roubar” poden ser gravados a ferro quente nas mentes dos nenos de entón e aceptadas polo adultos que non dubidaron en ningún momento en utilizadas para conformar con elas un sentimento colectivo que amparase as atrocidades cometidas, dun lado e doutro do espectro social de aqueles anos, facéndoo de modo que poidan aboiar agora precedidas por outras de menor enxundia e perigo pero que nos van afacendo á unha conciencia colectiva na que as atrocidades poidan ser aceptadas en aras dun suposto ben común.

Non é normal o cruce de insultos e falsidades que de novo asoman nas nosas conversas entre amigos, gravadas que foron a lume nas nosas conciencias, tanto o fixeron que o millor que podemos facer é adquirir consciencia delas pra poder evitalas canto antes. Sería sinal de que “o politicamente correcto” pode servir dalgo que de verdade o sexa colaborando á concordia que fai que as sociedades progresen en paz e harmonía. Eu, cando menos, non lle vexo outro xeito.

Te puede interesar