Opinión

Bancos de antes e de agora


Hai cincuenta e catro anos que deixei de navegar e que comecei a traballar nun banco, nun banco máis dos dende entón desaparecidos. Un tras doutro foron esvaecendo grazas a un camiño que está facendo esquecer ós Fugger, os banqueiros alemáns, que tiveron nun puño a Carlos I, e colaboraron decididamente a que Filipe II, o seu fillo, decretara en catro oportunidades a bancarrota oficial do Reino de España. Se xa non se acorda, nin se menciona esta realidade anterior, porque xa non se estuda en debida forma, moito menos se ha recordar o feito de que, no tempos dos Reis Católicos era considerado delito de lesa patria e conciencia, o cobro de intereses abusivos, se recordo ben, superiores ó cinco por cento dos préstamos emitidos. Quen se pasase podía ir dereitiño á fogueira. 

Eu de momento aínda gardo memoria. Hai cincuenta e catro anos cando unha persoa entraba nunha sucursal bancaria -daquela verdadeiras catedrais, polo grandiosas e mesmo polas luxosas instalacións que non poucas delas disfrutaban, non era recibido con banda de música, non; nin cunha alfombra roxa; pero si con dilixente educación, con respecto e, ouh marabilla, cunha correción profesional que se diría exquisita e, malia que a xente nova non o crea posible, ata se lle abonaban intereses polos diñeiros que tivese depositados na súa conta.

Entón había moitos bancos e todos obtiñan beneficios, algúns quebraron, si, excepcionalmente, pero quebraron; porén a maioría deles perduraron nos seus labores ata que, avanzados xa os novos tempos, o verme das OPAS e outras aventuras escasamente espirituais, foron marcando o novo rumbo que nos trouxo ata eiquí e que sabe deus ónde nos ha levar aínda.

Quén son os Fugger actuais? Haberá opinións, claro. Eu gárdome a miña. Pero sexan quen sexan teñen collidos ós sucesivos gobernos do reino polos mesmos e disque dolorosos lugares, das súas anatomías espirituais, polos que os Fugger fixeron presa nas daquela máis festivas realidades corporais da dinastía dos Habsburgo? Pois non llo sei, non sei quen serán os Fugger actuais, bótenlle unha ollada, que non son tantos os candidatos e a ver que se lles ocorre.

O caso é que o Estado, a través dos seus gobernantes, é quen de lle prestar sesenta e catro mil millóns de euros ós bancos pra que remonten unha crise sen maior problema e anos despois o Estado, ou se o queren dicir máis millor, O Reino de España, todos nós, non saibamos se, tan benéficas institucións, devolveron nin sequera unha pequena parte dese diñeiro propiedade da cidadanía e administrado, non por unha casta superior de funcionarios públicos, interinos uns, fixos outros, senón por uns políticos afeitos ás portas xiratorias das grandes compañías que, ás máis delas, están participadas por non poucos deses bancos que andan a facer de nós e da nosa realidade colectiva ou persoal un pandeiro que, ó non ser de coiro de cacique, tal e como o advirte a canción, a pouco que se lle pete pode acabar rachando. 

Xacobe Fugger, o mesmo banqueiro a quen León X lle encargou a venda de bulas pra construír o gran templo do Vaticano prestoulle medio millón de floríns a Carlos I que este debería pagarlle, entre outras aportacións, coa prata de Guadalcanal e o mercurio das minas de Almaden. Con ese medio millón de floríns Carlos I de España e V de Alemaña, puido vestir a capa de emperador do Sacro Imperio. 

Estes tempos que hoxe vivimos algo nos fan recordar estes que se citan. Porén pero algo falla. Agora é o Reino de España, léase a cidadanía española, a que lle presta cartos ós bancos e estes os que, en vez de devolvelos, apertan á cidadanía do xeito que o están a facer; un xeito que pode conducir ó esganamento, ó estrangulamento, da economía de centos de miles de cidadáns que viven no umbral da pobreza; é dicir, ó esganamento da realidade social tan laboriosamente construída ó longo de décadas cando a todos nos invadía a esperanza.

Desapareceron os bancos, os entendidos á antiga usanza, os que recibían os cartos dos seus clientes entendendo que eran diñeiros que estes lles confiaban a fin de que os investisen e lles deran parte dos beneficios obtidos grazas a tales inversións. Desapareceu aquela práctica bancaria, en continua evolución dende os tempos dos Reis Católicos, os tempos coñecidos como os do capitalismo inicial, e xurdiron estes outros tempos e outros bancos de agora que che cobran por ter aberta unha conta corrente neles e che poñen horas pra que acudas a eles, cando eles o digan e non cando ti os necesitas. Se antes se dicía que os bancos che prestaban un paraugas cando había sol e cho quitaban cando comezaba a chover, que se poderá dicir agora deles?

Hai medio século as fichas informativas que avisaban da personalidade dos clientes eran tan exhaustivas e completas que dubido seriamente que as da policía, mesmo as da político social, fosen millores ca elas. Leveime un daqueles impresos prá miña casa e alá, no meu último domicilio pontevedrés, debera conservarse pra coñecemento das novas realidades que foron aboiando según os anos transcorrían. Moito me gustaría recuperar aquel impreso. Un cliente calquera podía ser esmiuzado social, política, relixiosa e sexualmente. Ata os nomes das amantes podían figurar nelas, tamén os dos que entón eran coñecidos coma fillos bravos e collían nelas todas as variacións que o tempo foi cualificando nese mostrario da LGTBI e as súas variantes. Sempre me sobrecolleu pensar en como se confeccionarían aquelas fichas, quen eran os investigadores e nunca me atrevín a preguntalo. Pois se iso foi así, imaxinese o lector, o sobrecollemento que me invade agora, cando se me ocorre pensar en toda a información que cada banco debe ter dos seus clientes grazas ós artiluxios que as tecnoloxías poñen ó seu acado. E nós con estes pelos.

Te puede interesar