Opinión

Isto non é Jauja

Hoxe hai anos que morreu Ramón Otero Pedrayo; se boto ben as contas, son cousa de corenta e oito os que van dende o seu pasamento. Recordo ben o día, ben máis ca data. Eu estaba cerca de Lalín, nunha casa dos avós das miñas fillas maiores, e, ó me enteirar, collín o coche e alá marchei cara Ourense. De camiño nevou abondo como pra tornar o verdor da paisaxe nun branco non inmaculado, pero branco a fin de contas. Pola tardiña, ó ir xa de volta, parámonos a mercar pan de Cea. Os máis dos que o fixemos xa van alá case que todos. Recordo con exactitude a presenza dun poeta compostelán, frecuente espectador d’A Bilbaína, un café cantante que había na Rúa do Paseo, que fixo bo aquilo de que, con pan e viño, faise bo camiño. O caso foi que botamos unhas risas. Non poucas e mesmo inoportunas, pero así somos e así deixaremos de ser cando nos toque. Logo xa non nevaba.

Aquel don Ramón corpulento e verbalmente algo aparatoso, pareceume pequeno e esmirrado dentro da caixa. Nada que ver, por exemplo, co galanura que habería ofrecer Blanco Amor chegado o mesmo caso. Poder falar así deles é constatación de que un vai maior, xa está no derradeiro tramo do camiño, e máis de que xa van alá moitos dos que soñaron este país cando nós eramos cativos, primeiro, rapaces algo máis tarde, homes feitos a partires dalgún momento do que non somos enteiramente conscientes.

Don Ramón deixou pousado na súa mesiña de noite, aberto bocabaixo, un exemplar das “Memorias de Ultratumba” que sería o derradeiro libro que lese. Admiraba a Chateaubriand, como non podería ser doutro xeito. Tales admiracións nacen da valoración literaria do autor máis ca da condición política… ou así debera suceder e por aí adiante sucede en moita maior medida do que sucede por eiquí. Lástima que debamos admitilo así.

Temos a Galicia que soñou don Ramón, a mesma que soñaron Vicente Risco e tantos outros? Eu non diría que si, exactamente, porque sospeito que eles cuestionarían o xeito que temos de desfrutala botando man de tódalas posibilidades que nos ofrece o actual Estatuto de Autonomía. Que portentoso traballo o feito pola xente da Xeración Nós, continuada logo pola xente de Galaxia, un traballo feito coa carencia dos instrumentos culturais e políticos, administrativos e legais, que o citado Estatuto nos ofrece. Ou tal penso eu, claro. Sempre haberá quen disinta de min e considere que isto é Jauja. Síntoo, pero non é. Que lle imos facer!

Esquecinme de lle preguntar a Sixto Seco, outro máis dos que se foron indo por diante nosa, en cal páxina quedou aberto o libro de Chateaubriand. Non somos moitos os que, tendo tratado dun xeito ou doutro, tendo coñecido a non poucos de todos eles, imos quedando contemplando os touros dende a barreira como se a cousa xa non fora con nós e que, sen embargo, si que vai. Como non vai ir? Claro que vai! O que sucede é que todo mudou tanto que pensar no que farían ou dirían do país que estamos facendo estes nosos devanceiros suscita a non poucos dos que os coñecemos no seu día e en maior ou menor medida un estado de melancolía que non é recomendable. E quen queira entender que o entenda.

Te puede interesar