Opinión

De volta a Vicente Risco

De certo que pode haber dúas ou tres razóns, acaso aínda máis, pra que -logo do escrito hai sete días por conta do cuadraxésimo cabodano do pasamento de Otero Pedrayo- eu retorne a Vicente Risco. Porén deixo ó criterio do lector aquel que máis lle conveña, interese ou lle veña á mente, porque o caso é que as súas dúas figuras van sempre intimamente relacionadas nas conciencias daqueles que seguimos pensando que Galicia é unha nación cultural. Cada un que pense o que lle pete, pero a ver quen nos di que non.

Así que volvo a Risco. Como? Pois reléndoo. Desta volta entretéñome con “Leria”, o libro que lle editou Galaxia no ano 1961, se non o recordo mal e, claro, comezo polo principio. Ó facelo e reler a escolma que fai de poemas de autores de nós, non podo deixar de relacionalos coa letra de Pondal que convertemos no noso himno ó par da Marcha Real do Antigo Reino de Galicia. Os amigos e os lectores que aínda me frecuentan non ignoran que os himnos e as bandeiras apenas me emocionan, que lle vou facer, pero élles así.

Sigo con Risco e tropezo agora con poemas de Rosalía, de Lamas Carvajal, tamén de Pondal e mesmo de Añón do que Risco di ”aquil aventureiro, aquil nómada, aquil romántico, máis poeta cecais na súa vida que nos versos” pero quen de escribir “Ai, esperta adourada Galicia, dese sono no que estás debruzada” que pra min é ben millor comezo ca o de lle preguntar nada “ós rumosoros na costa verdescente” pois nos himnos, máis ca preguntas, o que hai que formular son xa que non respostas si suxerencias de camiños e que cada quen que pense o que lle cumpra pensar.

Poren o que eu quería era chegar a formular preguntas tales coma a de por cal razón non se reeditan textos coma estes, coma os contidos en “Leria”, mesmo os do “Libro de las Horas” -igualmente de Risco e con independencia de este estea este en castelán- cando tanto libro inútil está a ser editado polas nosas editoriais máis emblemáticas.

O que é posible que suceda é que o que estou suscitando, perdón, intentando suscitar, sexa consecuencia de que, agora, por conta da idade na que avanzo, non sei se a modo, pero antolláseme que cada vez máis apresa, sexa o interese polos vellos textos dos que creo ser consecuencia. Xa non estou pra imaxinar outras vidas, senón máis ben pra recompoñer a propia.

Afortunadamente dispoño dunha, que diría eu suculenta biblioteca da que me alimentar eu e alimentar ós nunca esquecidos afáns. Por iso regreso a Risco, ós seus ensaios, pero non ás súas novelas, e regreso a Otero Pedrayo, a este si coas súas novelas que, sospeito eu, non están a ser moi lidas polos novos autores, perdón, máis ben polas novas pois seguimos coa vella teima do quítate ti que me poño eu e así nos vai lucindo o peiteado. Resumo, hai que reler a Risco, a Otero, a Cabanillas, a Pimentel, a Manuel Antonio, etc., etc., etc. así que de hoxe nun ano, que diría o outro. Amén.

Te puede interesar