Opinión

Calidade de vida

Debo confesar que, cando lle escoitei por primeira vez o argumento ó profesor Andrés Mazaira, sentinme certamente sorprendido.
E sentinme sorprendido, non só pola verdade incuestionable que abraza o seu argumento, senón porque me amosou unha cara inexplorada da lúa, do mesmo xeito ca cando un observa esas típicas imaxes destinadas á axilidade mental e á fineza visual que teñen dúas miradas e que, sen embargo, un só logra ver unha delas, ata que despois dun pestanexo, de súpeto aparece nítida aqueloutra que semellaba un imposible.

Fago este símil para dicir que só os brillantes teñen capacidade de sorprender con miradas alternativas ás do común dos mortais e iso foi o que me pasou a min -xente do común- cando lle escoitei dicir a Andrés Mazaira que tiñamos que empezar a mudar a perspectiva en Ourense e deixarmos de ver ós nosos maiores coma un problema do que non paramos de nos queixar, para comezarmos a reparar neles coma unha oportunidade á que nos temos que adaptar.
Onte, na miña vila, amosando datos neste sentido, ofreceu un dato certamente clarificador: O montante anual que perciben os prexubilados e xubilados ourensáns ascende a 900 millóns de euros que pasan, na súa cota parte mensual, a ser diñeiro potencial circulante para alimentar o motor da economía provincial.

É certo -di el e penso eu tamén- que temos que dar coa mercromina cicatrizante que seque dunha vez a ferida sangrante da caída demográfica e free o devalo cara o cero absoluto cara o que camiña a nosa poboación. Pero non menos certo é que, logo de tantas décadas de devezo poboacional, nin en cinco, nin en dez, nin probablemente nunha xeración completa, seremos quen de ver revertido o sentido da punta da frecha na gráfica, polo que non nos vai quedar más remedio que acostumarnos a convivir no hábitat no que nos atopamos, do mesmo xeito que o náufrago, superado o inicial desespero por ser ver só na illa, debe comezar a procurar pólas frondosas das matas para construír un acubillo.
Que facer? Velaí, logo entón, a pregunta do millón que todo cristo tararea e a que ninguén, sen embargo, lle sabe dar unha solución.
Onde está a chave que abra o candado da caixa de Pandora de onde saia o coelliño máxico que garanta o noso xeito de vida e a pervivencia da nosa idiosincrasia como pobo?

Pois, sinceramente, eu penso humildemente que en comezar a "vender" calidade de vida. A calidade de vida que nós non valoramos e pola que darían un ril -por exemplo- todos e cada un dos seres enlatados subterráneos que cada mañá e cada noite transitan en hora punta, silentes e oprimidos coma toupeiras, polo metro de calquera megalópole universal.

Te puede interesar