Opinión

"¡A las dos, cierro!"

Levabamos toda a mañá do sábado recibindo consellos e explicacións da persoa que probablemente máis saiba sobre protocolo institucional en Ourense, é dicir, Juan José Feijóo, colega de vello nestas cousas da comunicación e compañeiro de páxina de cando en vez neste mesmo xornal.

Aínda que non é de moito rigor informativo, vou evitar dicir o nome do lugar porque estaría cometendo unha inxustiza coa súa traxectoria, xa que logo, o que nos aconteceu non é tanto responsabilidade do espazo que ocupabamos -é máis..., sucedidos semellantes teño testemuñado tamén noutros espazos da capital-, nin da dirección do mesmo -que tamén participou na xornada, aínda que xa non estaba entre nós cando o sucedido tivo lugar-, nin tampouco dos responsables políticos do mesmo, que loxicamente teñen outras cousas nas que se ocupar e non teñen, polo tanto, por qué estar ó tanto de letra tan pequena.

Deposito, polo tanto, a responsabilidade do desplante, única e exclusivamente na persoa que a protagonizou, un traballador dun espazo público que no seu exercicio da función pública debería ter moi claro que os espazos públicos -dentro dunhas normas, claro está- están ó servizo dos seus usuarios e non os usuarios ó servizo dos traballadores deses espazos, por máis que a miúdo -sobre todo se lles calzan un uniforme polos pés- semelle tal.

Retomo, pois, o inicio. Eramos un grupo pequeno, pero ben avindo -que diría o outro- e levabamos toda a mañá teorizando sobre comportamentos e prelacións institucionais, colocacións de bandeiras, ocupacións de cadeiras, mesas, espazos e outros lugares en actos públicos ou institucionais. Falaramos sobre normas de conducta nun acto público, quén debería intervir o primeiro e quén o último, cómo artellar axeitadamente un discurso, a quén darlle a palabra e quen tería a liberdade de tomala por el mesmo en función da responsabilidade que ostentase...

En fin..., iamos tomando nota -porque sempre é bo saber un pouco máis- sobre cara onde sopran os ventos, nesta sociedade tan mutante e relativista, dos "movementos protocolarios da escena informativa", cando os nosos reloxos estaban a piques de sinalar as dúas menos dez e Juanjo Feijóo a punto de nos amosar a derradeira pantalla do power point que nos acompañara dende a primeira hora da mañá.

Entón, os cotobelos dunha man petaron dúas veces na cara exterior da porta de cristal e un mozo uniformado asomou por entre a folla e o dintel para exhortarnos, con firme poderío funcionarial, un "¡a las dos, cierro!", que nos deixou a todos estupefactos, porque con tan só catro palabras acababa de facerlle unha moción á totalidade ó maxisterio sobre as boas formas que Juanjo Feijóo, con paciencia franciscana, nos acababa de proporcionar.

Te puede interesar