Opinión

O Cucharón

Entre as distintas imaxes que prenderon na miña retina durante a fin de semana houbo unha -mellor dito, dúas- coas que me quedaría para ilustrar a reflexión que vai ler de seguido, benquerido lector, e que non ten outro obxectivo có de teorizar sobre as mentiras e as verdades que aniñan arredor do xornalismo.

Esas dúas imaxes teñen como protagonista común ó alcalde de Lalín empuñando un longo cucharón que ó xeito da "Escalibur" coloca en acto solemne sobre o ombreiro, primeiro do novo propietario de Novagalicia Banco, Juan Carlos Escotet, e logo do divulgador científico Eduardo Punset, co fin de nomealos cabaleiros dunha sorte de Encomenda do Cocido que seica ten como obxectivo "fomentar o gozo e o recoñecemento do cocido como prato tradicional de Galicia, típico e de inmellorable elaboración en Lalín e os seus arredores..."
Reparei nesta imaxe -que se repite ano tras ano dende que a Feira do Cocido entrou no século XXI- porque, sendo como é unha parodia (é dicir, unha imitación burlesca dunha obra seria, ou, o que ven sendo o mesmo, unha mentira), todos os medios que adoitan cubriren o evento e tódolos protagonistas -que adoitan seren moi importantes e serios- semellan non teñen reparos en protagonizaren tal escenificación, xa sexa como actores de coroza, xa como divulgadores do excepción, sabendo que o único certo de toda esa representación radica na explosión de sabores que ten lugar despois, cando sentan á mesa.


E reparei porque -eu, que son moi de centrar o branco informativo no ámbito das sensacións- perante unha imaxe coma esa sempre devezo por saber qué intensidade de morado debe levar a procesión que lles vai por dentro ós emerxentes "cabaleiros" cando o alcalde de Lalín -o gran encomendador- lles coloca o cucharón apegado á orella. Imaxine, senón, o presidente da caixa galega sentindo as ondas da cunca do cucharon a carón da orella e preguntándose baixo a capa de fieltro marrón cantos "sacrificios" conleva introducirse no corazón dunha sociedade.


E se de parodias falamos -máis alá da que protagonizaron media ducia de "verificadores" e dous encapuchados e que loxicamente nada ten que ver co cucharón- houbo unha terceira que si que me leva á reflexión e que foi a que matinou a Sexta no 33 aniversario do 23-F, porque alén da polémica suscitada, a min serviume para reafirmarme no principio de "a máis información, máis xornalismo", tanto para contextualizar o cucharón como para ridiculizar a "rendición" ou demostrar o manipulable que é a opinión pública se non hai xornalistas que peneiren, precisamente, a información.

Te puede interesar