Opinión

Desmemoria

Lémbroo coma se fora hoxe. Faltaba algo para as cinco da tarde. Eu desprazábame só no meu coche, con motivo dalgunha viaxe cercana, probablemente para documentar algunha información que tiña que redactar no día. Ía escoitando a radio cando, de súpeto, a locutora interrompeu a tertulia desenfadada de primeira hora do programa para dar paso a unha noticia de alcance que procedía do País Vasco.
A xornalista ou o xornalista -iso xa non o lembro ben- que cubría a información dende o Norte anunciaba de forma apurada que había poucas horas que un mozo que saíra da súa casa de Ermua para ir traballar a Eibar, acababa de ser secuestrado por un comando de Eta.
A noticia correu coma a pólvora polos medios de comunicación, ata o punto de que os xornalistas que se botaran á rúa a cubrir a noticia chegaron á casa do mozo denantes aínda do seu propio pai, que máis que atendelos preguntou, completamente desnortado, qué fora o que pasara para estaren tantos reporteiros ó pé do seu humilde portal.
Logo veu todo o demais, sobradamente coñecido e ben difícil de esquecer, por máis que pasen os anos por riba das nosas vidas e o po se vaia pousando paseniño sobre o RIP da súa campa de Faramontaos.


Vai xa para dezaoito anos daquela e malia que estou completamente seguro de que se hoxe fixeramos unha enquisa na rúa non topariamos a ninguén que non soubera quén era Miguel Ángel Blanco, debo dicir que me dá mágoa que os ourensáns levemos tantos anos compartindo provincia co seu silencio en Faramontaos e non teñamos sido capaces, en tanto tempo, de colocar o seu nome, a súa memoria ou o que o seu tráxico final representa para a democracia da que nos temos dotado, no lugar onde por merecementos lle corresponde, é dicir, na furna dos símbolos de todo canto lle roubaron cando lle quitaron a vida e que xamais debemos esquecer, nin debemos permitir que esquezan os nosos fillos para garantir que atrocidades coma que sufriu aquel mozo de 29 anos non volvan acontecer.


Si, xa sei que o Partido Popular conta cunha escola de verán de análises políticas que leva o seu nome e que loxicamente na pequena parroquia de Faramontaos, co cura don Manolo e a súa propia familia á fronte, non deixan de mentalo cada ano, cando o sol se acende no verán.
Pero, sinceramente coido que é manifestamente insuficiente para un símbolo tal. E só con poñerme a pensar en cómo serían exaltados os valores que Miguel Ángel representa se os seus restos descansasen en calquera outro lugar, tanta desmemoria faime sentir pena. E non tanto por el -que xa non está- como por nós mesmos. Mellor dito, pola nosa ingrata e pobre enanez social.

Te puede interesar