Opinión

Evaristo 107

Na miña vila, o mundo da denominada "terceira idade", agora máis comunmente intitulada "xente maior", está ligado á figura de San Carlos e agora explicarei por qué.

Resulta que o día 2 de maio de 1906 faleceu nesta mesma localidade dende a que escribo un veciño de Celanova que se chamaba Carlos Arias Rodríguez, non sen antes ter vivido unha etapa froitífera na emigración, que lle serviu para facerse cuns cantos posibles económicos, así como non menos propiedades solares situadas no lugar da Ruanova.

O home fixo fortuna económica, pero cumprindo coa famosa regra de "afortunado en amores...", pero no seu sentido en viceversa, resulta que morreu solteiro e, polo tanto, sen descendencia, polo cal deixou mandado que cos seus emolumentos diñeirarios e terreos se levase a cabo "una institución benéfica de carácter privado, que se denominará Hopistal de San Carlos en el cual recibirán asistencia y asilo los enfermos e imposibilitados pobres que en absoluto carezcan de toda clase de bienes". Desa primeira intención xurdiría co tempo, a finais dos anos 70 ou principios dos 80, a actual Residencia San Carlos, que hoxe acolle -se non estou mal informado- a máis de medio cento de residentes. E porque non caben máis...

Velaí, pois, porque hoxe, festividade de San Carlos é día no que en Celanova celebran a festa da residencia, polo que a casualidade quixo (sen ningunha outra relación co que direi ó final) que esta fin de semana reparara nunha fotografía aparentemente inocua, aínda que no fondo non é tal.

Resulta que o pasado venres a localidade luguesa de Trabada celebrou que un seu veciño, Evaristo, cumpriu 107 anos, co cal conseguiu o "título" de se converter no home máis vello da nosa Comunidade.

Con tal motivo, segundo recollía a información, familiares, amigos e, como non, o alcalde do municipio acudiron á súa casa para compartiren con el unha data tan significativa, fundamentalmente para el, que os vai contando.

E no transcurso da recollida cerimonia -que é a onde quero eu chegar- a alguén se lle ocorreu que non había mellor homenaxe para Evaristo ca recortar unha coroa de cartulina "feita de calquera maneira" e escribir nela o número 107. Logo viría a foto. A coroa sobre a boina e xa está, o pobre home inmortalizado para a posteridade. Ou, dito doutro xeito, o rei da lonxevidade galega coma se fose o rei das tartas, o Rei Gaspar ou o rei Cintolo, qué máis dá...

Non sei, pero a min a imaxe fíxome pensar en que a miúdo tratamos ós vellos coma se fosen tontos (abonda con ver celebracións por aquí e por acolá), empezando polo simple feito de deixar de chamarlle vellos -que é o que se lles chamou sempre- para chamarlles hipocritamente "maiores" ou "xentes da terceira idade".

Te puede interesar