Opinión

Para Lope de Bonaval

Agrande maioría de ourensáns que o coñeceu e o tratou, quedarase coa súa intelixente e permanente retranca, coa súa bonhomía e o seu máis permanente aínda, bo humor.

Quedarase tamén cos seus fondos coñecementos sobre o termalismo e co moito que Ourense lle terá que agradecer se algún día ese termalismo, agora transformado en turismo, eclosiona de vez e acaba por axudar a levar ata termos máis ou menos razoables o, polo de agora anano, PIB provincial.

Quedarase, evidentemente, tamén con infinidade de anécdotas das que el mesmo foi protagonistas e que con tanto tino contaba, ó longo da súa dilatada vida administrativa ou institucional.

En fin, que segundo o grao de cercanía ou de superficialidade que fose o trato con el, cada quen, gardará na súa propia lembranza a un doutor Rodríguez Miguel diferente ou personalizado, se se quere, pois é ben certo que a súa humanidade e a súa sabedoría humanista daban para ter del unha imaxe poliédrica que onte mesmo e a modo de despedida pública, glosou a súa propia filla nestas mesmas páxinas dun xornal que tamén -coma tantas cousas en Ourense- foi un pouco del.

Cada quen gardará a súa propia pegada del, porque iso é o que lle acontece ós grandes homes cando pasan pola vida dos demais sen deixar indiferente a ninguén.

Sen embargo, non serán tantos os que atesouren no fardel das súas vivencias os saberes do "contista" Lope de Bonaval.

Eu tiven a fortuna de coñecelo despois dunha "destornillante" viaxe compartida con el dende Madrid ata Ourense, na que as gargalladas -gracias ó interminable rosario de anécdotas traídas a colación en cada conversa- corrían a máis velocidade có propio coche pola autovía.

Aquel día, cando nos despedimos a carón da súa casa ourensá, prometeume presentar a Lope de Bonaval. E abofé que o fixo, porque ós poucos días chegoume da súa man un envío en forma de libro titulado "Contos de Vilago de Ribadela", onde está compendiado o máis granado das "humoradas" que ó longo da súa vida foi testemuñando o "alter ego" do doutor.

Estou ben seguro de que hoxe, despois dos "santos oficios" recibidos ("como é de merecer", diría el), xa estará compartindo conversa (Mariluz non me deixará mentir) con "Donato Fadón, o fachendoso", con "Pepiño Mouro, o millonario", con "Carmela, a cacharolas", co "Gurugú" ou mesmo co "fillo do capador", representantes todos desa Galicia antropolóxica á que el tanto quixo e que tan profundamente soubo coñecer.

Te puede interesar