Opinión

NORABOA,QUERIDO VÍCTOR

Gracias á implicación -tan entusiasta como afectiva, e efectiva ó mesmo tempo- do 'irmau' Luís González Tosar (que hoxe ocupará en Maside un lugar preponderante) os que gustamos da poesía que transcende da cacofónica mestura de palabras amoreadas en renglóns sen marxe e amamos, polo tanto, as composicións regradas e cun final que sempre pecha unha historia intensa e circular capaz de facer gozar o espírito como goza o nariz co arrecendo perfumado dun frasquiño de lavanda, de romeu ou albahaca; temos a fortuna de poder botar man de cando en vez do libro 'O aire, a luz e o canto' que, con limiar do xornalista Manuel Outeiriño e epílogo do profesor Alonso Montero compendia a poesía reunida de Víctor Campio, un inmenso poeta nacido en Garabás (Maside) e do que me prezo de ser admirador e amigo.


Hoxe, a corporación municipal masidá celebra o seu nomeamento como fillo predilecto e eu, dende onde o mundo se chama Celanova, non podo menos ca facerme eco de tan feliz circunstancia.


E para ser consecuente con elo e non estragar ?hoxe con máis motivo ca nunca- o valor auténtico das palabras, no canto de utilizar as miñas (a miúdo espesas, planas e desordenadas), vou tomar prestadas as súas, co simple obxecto de achegarlle, benquerido lector (se é que nunca tivo oportunidade de se cruzar coa súa obra literaria), un botón de mostra que degraña ata qué punto está xustificada unha xornada na que ?hei dicir, de paso- estou seguro que vai vivir con tanto pudor persoal como profundo agradecemento de veciño:


'Náufrago son da vida, pero vivo./ Crucei do mar verán a primavera./ Outono vive en min. Inverno espera/ de novo ó neno que comigo estivo./ Aquel neno afogou. (Eu sobrevivo)./ Mora no mar? Era un soñeiro. Era/ espiga do meu sol. Como quixera/ retelo aquí comigo, redivivo!/ Inverno espera o seu regreso. Cando/ neno tan meu retorne do seu onte,/ atoparame aínda navegando,/ orfo de soños, por un mar baldío./ Eu bicareino con amor na fronte,/ o corazón treméndome de frío.'


Unhas verbas que se ven amplificadas co que dixo Alonso Montero, é dicir, que con el 'a poesía do mundo é máis rica, máis humana, máis nobre, máis cordial, máis grande. E a lingua galega moito máis prodixiosa'.


Noraboa, pois, querido Víctor, porque (e non sen tempo) a terra devólveche hoxe un anaco do infindo cariño que ti lle regalaches antes co teu humilde pero inmenso oficio.

Te puede interesar