Opinión

Todo empeza por crer

Asistín nantronte á apertura, en fase de probas, da antiga praza de abastos de Bande. Xa tivera ocasión de visitar as renovadas instalacións do edificio cando a piques estaban de rematar as obras de remodelación e logo despois, o día da inauguración das xornadas "Transforma Ourense" que a Deputación provincial en colaboración con este mesmo xornal leva, creo que tres anos, organizando nesa vila ourensá co fin de afondar nas urxentes e decididas propostas de futuro que esta terra raiana necesita, non xa para frear o seu devalo demográfico, senón para promover unha imprescindible repoboación da mesma.

Visto dende fóra, o proxecto da praza de abastos de Bande, agora rebautizada como "Mercado Xurés", podería semellar un proxecto sinxelo, que non merecería moito máis ca un titular de corpo medio e a non máis de dúas columnas para que fose lido polos veciños da revolta. Sen embargo, a nada que un afonde no concepto e nos esforzos intelectuais levados a cabo polo alcalde desa vila e o polo equipo técnico co que o xestou, non esaxeraría nada se digo que ten sido un proxecto titánico. E non no tocante ó investimento, senón no referido ó concepto que o mesmo pretende. E, sobre todo, ó obxectivo principal que persigue, que non é outro có de tentar comezar a revertir a tendencia cara o suicidio colectivo ou cara a morte por inanición cara a que dun xeito aparentemente inexorable se encamiña a sociedade máis ruralizada do sur da provincia de Ourense, a onde -debo denunciar de paso- o deus da Administración puido ter mandado algún recado, pero é evidente que non chegou.

Estou ben seguro de que se o investimento que o alcalde "meteu" na praza de abastos para deseñar ese proxecto que tenta asentar unha porta comercial dos productos do Xurés en Bande, os metera na remodelación dunha praciña calquera, na mellora da residencia de maiores ou na contratación da Olympus, a Panorama e a París de Noia polas festas do San Roque, os veciños habíanlle bater palmas nas orellas. Sen embargo -estou seguro, tamén- de que estes días o ruxe-ruxe que máis se ha de estar escoitando na súa vila ha de ser algo así como "para que c.! metería tantos cartos en algo que non vai funcionar", agardando logo pacientemente a que o agoiro se cumpra para soltar a sentencia do "xa cho dicía eu!"

Por iso me parece titánico o proxecto. Porque titánico é o cambio de mentalidade que supón no seo da administración local (afeita a interiorizar iso de que dentro de dez anos aquí non queda nin o apuntador) acometer proxectos para "vivos".

Porque para iso hai que crer primeiro no proxecto e despois tratar de levalo a cabo sen agardar a que ninguén -que non vai vir- o vaia vir facer por nós.

Te puede interesar