Opinión

Contos

A realidade é un conto, pero os contos son realidade. Agora comezo a entender por qué de neno me fascinaban os relatos. Aquelas historias en que o vagabundo aspiraba á princesa e, no seu obxectivo, debía pasar mil probas. Todo se lle presentaba en contra, todo o facía sangrar. Pero se atopaba a un mendigo, a un eivado, a un apestado e tiña piedade del, e este agasalláballe cun obxecto máxico e, coa súa axuda, superaba os obstáculos e acadaba o amor. A realidade é un río que se estende en infinitas direccións. Só os símbolos, que admiten múltiples significados, nos achegan a ela. Pero os símbolos pertencen aos contos. Logo os contos son verdade.


Na miña infancia lía contos a mazo. E o facía porque, sen sabelo, eran unha metáfora da vida que me esperaba. Porque eses contos eran a realidade. Porque todos somos un vagabundo mentres non nos limamos coas dificultades. Porque as probas ás que se ve sometido o protagonista son as probas ás que debemos someternos diariamente. Porque a chave consiste en mira-lo invisíbel, alá onde ninguén mira, ao humilde, ao relegado. Cando se descende ao eivado, se obtén o obxecto máxico. E entón obtemos a transformación.


Pero ¡qué difícil resulta! Todo conspira contra ela. Numerosos políticos, científicos, profesores e outros profesionais que cren actuar no nome da realidade, andan a contarnos contos. Son os contos aos que aludía León Felipe: ‘E nos dormen con contos / e os berros de angustia do home / os dormen con contos’. Pero os contos que non se disfrazan, os contos dos nosos avós, os contos milenarios, son a realidade mesma. Unha realidade tan intensa que pode ferirnos ou desgustarnos. De aí que os pedagogos baratos trataran de desterraren estes contos, substituíndoos por outros politicamente correctos. É dicir, substituíndo a verdade pola mentira.


Cada vez se contan menos contos. Logo cada vez vivimos máis lonxe de nós mesmos. Alomenos, antes os nenos dispoñían da verdade. Agora só pertence aos tolos e a algúns poetas. Os contos palidecen e a integridade moral palidece. Os contos palidecen e a beleza palidece. Os contos palidecen e o sentido da vida palidece. Caemos tan baixo que uns poucos chegaron a comprenderen que é necesario rescata-los contos. Os lectores de Paulo Coelho buscan o poder dos contos. A editorial ‘Paidós’ lanzou unha belísima colección de contos. Os que andan a procura de se atopar consigo mesmo, beben sedentos nos contos ancestrais.


Estamos empachados da realidade palpábel. Ou sexa, da mentira. Estamos fartos dos tortos que, vendo só unha ínfima parte da realidade, a confunden coa Realidade e nos mergullan nos infernos do delirio. Necesitamos aos que nos falan coas matemáticas da realidade, que son os contos. Necesitamos aos contadores de historias. Necesitamos o poder dos relatos primitivos.


A noite dos tempos foi tamén a noite da verdade. E logo os homes dedicáronse a fuxiren dela. Pero alomenos quedaron os contos. Hoxe non hai contos e, por tanto, tampouco hai verdade. A verdade atópase confinada na Illa dos Nenos Perdidos, o reino de Nunca Xamais, agardando a que a man de Peter venza ao capitán Garfio, derrote a realidade e nos inunde de Realidade este século.



Te puede interesar