Opinión

Gobernantes

Cando un político, e Rajoy di selo, fala de instaurar medidas, tamén debería explica-lo transfundo que soportan. Non vale querer ilusionar ás masas con mensaxes que son meras cortinas de fume. Falar de reduci-las cotizacións á Seguridade Social e baixa-lo Imposto de Sociedades, parecen, en principio, un acicate para a economía. Intúe D. Mariano que iso fará contratar máis aos empresarios, craso erro. Os empresarios deste país fabrican case todo en China e o Sueste Asiático, cousas dunha globalización mal aplicada.

O que non explica é que abarata-los custes empresariais, vía cotizacións dos traballadores, é pan para hoxe e demasiada fame para mañá. A medida só beneficiará, algo que xa non sorprende, ás grandes empresas e multinacionais e, a medio prazo, supón unha quebra das arcas da Seguridade Social. Esta quebra pon en cuestión a fractura do sistema público de pensións dun xeito orquestadamente premeditado. E non hai que ser moi listo para pensar que é a pedra angular para a introdución dos planes privados de pensións. É dicir, beneficio dobre para os grandes, vía baixada de cotizacións e vía de alento gobernamental dos planes de pensións privados. Nada que obxectar, vindo de quen ven, ás palabras dun político conservador que goberna e lexisla pensando nos poderosos que o sustentan. Baixa-lo Imposto de Sociedades é só un apoio máis aos poderosos, eses pobriños ricos que tan mal o están a pasaren.

Leva razón Rajoy cando di lexislar pensando nas familias, os Botín, Koplowitz, Ortega, etc. Curiosamente, case todas elas teñen a súa propia SICAV para detraer impostos ao erario, legal aínda que moi inmoral. Quizais algún día cheguemos a ter uns gobernantes que comprendan a necesidade dunha gran reforma fiscal. Que, dunha vez por todas, paguen máis os que máis teñen, a chamada progresividade fiscal. Onde haxa instrumentos para perseguir a economía mergullada, onde se entenda que a ameaza dunha economía non son os salarios senón os defraudadores.

Te puede interesar