Opinión

Ante unha involución

Estamos ante unha encrucillada. A democracia ten os seus inimigos irreconciliables, externos ás veces, internos de cotío. As debilidades da democracia acostuman ser ben aproveitadas polos grupos con poder fáctico, como en España. Ou polas multinacionais e grupos de presión, que ditan o que os seus intereses esixen. A seguridade é o marco no que se desenvolve a actividade dos cidadáns que poden exerce-los seus dereitos. A tese da orde contra a liberdade xa a defendeu Goethe, ante os avances da Revolución Francesa que lle fixo concibir moitas esperanzas e logo asustouse.

O control de Oriente Medio, as guerras de Iraq e Afganistán, racharon co taboleiro de xogo. As consecuencias posteriores, o terrorismo, a primavera árabe e a guerra civil en Siria, trouxeron a esa revolta armada que pretende crear un único califato con todos os países de relixión mahometana. Occidente tivo moito que ver e queimou as naves neses países. Recolleu tempestades daqueles ventos que empurrou. Vendérennos que remataría coas ditaduras, con Al Qaeda, ou con outros grupos. Xa se ve que non o fixeron.

Os atentados en París poñen sobre o tapete se as medidas tomadas ata agora eran insuficientes ou simplemente se puido haber neglixencia. Medios non faltaban. ¿Non se coordinaban ata agora? ¿É Internet o culpable dos seus fallos? ¿A mobilidade das persoas? ¿A inmigración de países en guerra? Ou a falta de posibilidades nas nación que na UE que foron deixando de medraren repartindo a prosperidade como antes.

Oímos como son moitos os que piden controla-la inmigración, ou as viaxes e, por suposto, as comunicacións. O ministro español do ramo inclínase por esta posibilidade. A Lei de Seguridade ou “Lei Mordaza” que el impulsa, sufriu varios reveses, un ante o Consello Xeral do Poder Xudicial. Quere escoitas sen permiso do xuíz. Adeus á presunción de inocencia, adeus aos dereitos constitucionais. Xa non habería límite á súa actividade paralela. O terrorismo, interno ou externo, é o pretexto. Imos por esa vía a instaurar un Estado similar a China: policial. Polo terror á miseria, esa é a curta viaxe que nos propón. Estes días se encheron a boca coa liberdade de expresión, que están acernando nos medios públicos, coa defensa de Charle Hebdo, cando presentaron denuncias contra publicacións españolas, dende que a democracia botou a camiñar, e algunha moi recente. Non lles gusta a liberdade de expresión, nin os dereitos, de manifestación e reunión, queren reducilos, limitalos. Cando se desnaturaliza a democracia, deixa de selo. Temen ao pobo soberano, temen que se tome en serio os seus dereitos, que use da súa liberdade, que esixa, como é debido, ter un papel activo. Dende o 15M, ou antes, xa se lles veu o plumeiro, o desexo de desmontar todo e botar marcha atrás, unha involución. Está nas nosas mans impedilo. Os votos o dirán axiña.

Te puede interesar