Opinión

Mal de ollo

Óese no Partido Popular un ruxe ruxe que non fai máis que medrar. Parece que ninguén está interesado en que Rajoy acuda a ningún acto de apoio electoral e moito menos que dea apoio explícito a unha persoa ou candidato.

Dende as ringleiras da dereita son xa moitos os que van dicindo que Mariano dá mala sorte, baste que diga que o fas tan ben e que se sinte orgulloso delo, para caer no abismo das imputacións xudiciais. Apoiou tanto a Luis Bárcenas, (“aguanta Luis , aguanta”), que este foise de vacacións a Soto del Real. Pasou por Baleares e Matas irá á cadea, en Castellón só faltou que bicase a Fabra, e Fabra vai para o caldeiro. De Valencia dixo cousas tan lindas que medio PP da comunidade está imputado pola Xustiza. Dende institucións penitenciarias están francamente preocupados non vaia a ser que en período electoral lles dea por dar mitins nos patios dos correccionais e iso altere a normalidade carceraria. En Santiago, apoiou tanto o labor do consistorio que tiveron que botaren man de xente que pasaba por alí para poderen mante-la estabilidade, e xa van tres alcaldes nesta lexislatura. Non é por tanto raro que ninguén no PP, moito menos os baróns territoriais, se entusiasmen coa idea de pedir a Génova un oco na axenda de Mariano. Agora enténdese cada vez máis a postura de Esperanza Aguirre, poñer terra de por medio coa sede conservadora. Se lle queda algunha posibilidade de seguir en primeira liña, pasa por se afastar do líder. Hai quen, maliciosamente, di que montou o lío coa policía local madrileña para que Mariano nin se atrevese a darlle unha palmadiña pública nas costas. Atrás quedaron os tempos que ata o último edil do PP amosaba orgulloso unha foto xunto ao seu líder político e espiritual, saben que de facelo están no punto de mira, o mal de ollo que parece arrastrar Rajoy. E, se alguén non me cre, que lembre nunha audiencia co anterior rei cando dixo que o do partido de fútbol contra Chile estaba xa arranxado, e vaia se o estivo.

Te puede interesar