Opinión

Mendigos

Existen varias clases de mendigos. Os hai esquineiros, eventuais ou de longa duración e posto fixo, que venden panos de papel, limpan cristais dos coches ou fan malabares aproveitando un semáforo en vermello como un xeito de solicitar esmola. Impresionan os que sentados na beirarrúa e, ás veces en xeonllos, imploran auxilio a través dun cartón onde relatan as súas carencias e urxentes necesidades. Hainos de ámbolos dous sexos, aínda que prevalecen máis os varóns; de diferentes idades, pero son más frecuentes os maiores e das máis distintas orixes xeográficas.


Para apercibirse de toda esta variedade, nada como ser peón en cidades. A mendicidade acompañounos sempre aínda que nestes últimos anos resulta máis patente. Daría a impresión de que a democracia e o modelo de mercado fixeron máis visibles aos mendigos, recoñeceron o seu dereito a berrar publicamente a súa condición. Antes, na democracia orgánica, os mendigos estaban controlados e, xeralmente, roldaban as portas das igrexas á espera de que o sentimento relixioso dos feligreses lles beneficiara e, mesmo, petaban nas portas da casa para solicitaren unhas pesetas.


¿Acadan os mendigos a súa finalidade, paga a pena ser mendigo? Hai mendigos que son, ademais, vagabundos, e lle molesta a organización. Prefiren, sobre todo no verán, vagar polas rúas e estradas e exerce-la súa pobre liberdade de circulación contentándose coas migallas da sociedade. A mendicidade, sociolóxica e economicamente, é o último escalafón da desigualdade. Pérdese emprego, a vivenda e a familia e xa un convértese nun mendigo, aínda que tamén entre estes hai combinacións de sorte e fatalidade e incluso unha aprendizaxe na mendicidade, froito de desventuras grupais e raciais que saben contar, por exemplo, os xitanos. Dentro de moitas vivendas pobres hai tamén unha mendicidade vergoñento, que non sae a pedir. Outros piden por eles ou se conforman con sobreviviren das sobras dos veciños que, silenciosamente, adoptan aos veciños máis pobres de cada comunidade.


A economía de mercado ten o seu índice de desempregados pero aínda non confeccionou a lista de mendigos, entre outras razóns porque é, máis ben, desemprego invisible, economía dobremente somerxida. Pero así como o mercado de traballo ten nos desempregados o seu índice de fracaso, o número de mendigos é, ademais, índice do fracaso do Estado de benestar e ata do tecido social. Antes, os mendigos formaban parte dunha sociedade orgánica que vía no infortunio un escuro designio divino. Hoxe, para moitos protagonistas da modernización capitalista, os mendigos son vagos, culpables da súa condición, aos que non hai que socorrer para non fomenta-lo vicio e a ociosidade e para manter tensa a oferta de man de obra barata.

Te puede interesar