Opinión

Vacacións

Chegamos ao punto no que principiaron as vacacións e ímonos coa sensación de que nada cambiou nestes últimos once meses nos que case todos puxéramos moitos e bos propósitos e o correspondente traballo para acadarmos mellora-la situación persoal e, por suposto, a colectiva, como suma dos esforzos e sacrificios de cada un de nós. Á gran maioría dos españois, durante toda a lexislatura, se lles esixiu arduos sacrificios co pretexto de que é imprescindible apertarse o cinto para evitar que o país caia na bancarrota, como se todos fosen uns impertinentes que só sabían pensar en consumiren por riba das súas posibilidades ao longo de tantos anos de aparente bonanza.

O pobo chan aceptou eses sacrificios porque os impuxo o goberno e houbera seguido calando a pesares de que recortaron, e moito, aquilo que se deu en chamar o Estado de Benestar, aínda que o certo sería chamalo o Estado da Xustiza Social, porque todos contribuíron a xera-la riqueza que fai posible mantelo, riqueza que, de súpeto, desapareceu, sen que ninguén explique cómo e por qué. Pero algunha gota colmou a paciencia da xente común, quizais fose que veu que uns enriquecíanse de mal xeito, que outros repartíanse prebendas sen rubor, que a xustiza fraqueaba á hora de sancionar accións perversas, que se lexislaba de xeito retrógrado sobre asuntos que parecían estar superados, que cada vez faise máis fonda a brecha entre aqueles que simplemente pretenden sobrevivir, e entón a xente púxose a pensar e ao chegaren unhas eleccións, aproveitou o envite para dar un toque de atención máis que importante; viron un cambio e quixeron opinar sobre o sistema de Estado sen que nada nin ninguén prestara oídos a un clamor que ven de lonxe.
Pecháronse de novo moitas cousas en falso e, antes ou despois, será necesario abri-la ferida porque algo fede nesta democracia.

Te puede interesar