Opinión

Os Coen e a profesionalidade

Os catro protagonistas de “Sangue fácil” elixíronse sen grandes dificultades. M. Emmet Walsh, segundo os Coen o único actor que tiñan en mente para o personaxe do cínico detective privado e que os impresionara profundamente pola súa interpretación dun duro axente de policía en “Liberdade condicional” (Ulu Grosbard, 1978), deulles unha sorpresa aceptando inmediatamente traballar ás ordes de dous completos novatos como eles. Como recorda Joel, durante a rodaxe “Walsh facía bromas constantemente sobre nós. Tivemos discusións e desacordos, pero en xeral foron moi frutíferos. Unha vez pedinlle que fixera algo para compracerme e el limitouse a responder: `Joel, toda esta maldita película é para compracerte”. Os outros tres protagonistas elixíronse como resultado dunha selección entre varios candidatos: John Getz, actor escasamente coñecido e cuxa carreira foi principalmente televisiva, para o papel de Ray; Dan Hedaya, excelente actor de carácter que o vemos en incontables filmes, que interpreta a Julian Marty, o violento marido enganado que contrata ó detective privado para que siga á súa muller e a mate xunto ó seu amante; e Frances McDormand, intérprete de Abby, a esposa infiel, e que a raíz de “Sangue fácil” converteuse nunha actriz de prestixio, estando desde entón moi vinculada ós irmáns Coen tanto a nivel profesional (apareceu en case todas as súas películas, que incluso ganou un Oscar como mellor actriz por “Fargo”) como no persoal (casou con Joel Coen).

A rodaxe de “Sangue fácil” tivo lugar ó longo de oito semanas nas localidades texanas de Austin e Hutto durante o outono de 1982. O mesmo desenvolveuse sen contratempos dignos de salientar, salvo a anécdota do peculiar comportamento, estraño e ó mesmo tempo moi profesional, dos Coen. Dispostos a impedir que o seu pequeno custo de produción se excedera no máis mínimo, os Coen debuxaron previamente un minucioso storyboard (guión gráfico) e cinguíronse estritamente ó mesmo, de maneira que tiñan cada plano coidadosamente estudado e nunca requiriron dunha gran cantidade de tomas para concretalo.

Te puede interesar