Opinión

Considerable zarangallada

Coñecida, sobre todo, pola súa película anterior, “Náufragos”, un delirio no que se mesturaba a prepotencia da produción coas poucas ideas, así como unha correcta factura técnica, María Lidón, que asina como Luna, reincide nesta “Eu, puta” en case todos os fallos da súa película anterior. Como naquela, aquí o diñeiro parece sobrar: unha rodaxe na que se inclúen os nomes de Denise Richards, Daryl Hannah ou Joaquim de Almeida, ou no que se intercalan escenarios de medio mundo, amén da súa factura dixital que seguramente ascende a moitos euros, ou a participación de profesionais de talento, como Ricardo Aronovich, un dos grandes da fotografía, son a proba de que se algo tivo Lidón no proceso do seu filme é xustamente diñeiro.


Pero tamén é “Eu, puta” adaptación dun libro de Isabel Pisano no que a propia escritora colabora, unha considerable zarangallada. Dramaturxicamente xamais funciona a mestura entre as testemuñas de profesionais do sexo que a película reúne cunha non xa débil, senón inexistente trama de ficción que reúne ós tres actores antes citados, que en nada axuda á comprensión das intencións do filme.. se é que ten algunha que non sexa mostrarse como un artefacto posmoderno ousado, de tema forte e feito co ollo posto na recadación.


E ademais, no seu desexo de chamar a atención a calquera custo, Lidón ou Luna non dubida en utilizar recursos francamente indignos. Unha vez vista, e a pesar da súa factura e a súa excelente fotografía, “Eu, puta” non pasa de ser unha ocasión baldía para abordar con rigor un dos grandes temas pendentes da actualidade.
A historia de ficción céntrase no personaxe interpretado por Denise Richards, unha moza virxe que prepara un libro sobre entrevistas con xente que se dedica ó negocio do sexo, da prostitución e do cine pornográfico. A medida que a rapaza se mete nese mundo escuro da man da súa veciña e amiga (Daryl Hannah), unha actriz sen sorte que se saca un sobresoldo como prostituta de luxo, espertará nela a curiosidade e o morbo e descubrirá unha parte da súa personalidade aínda descoñecida.

Te puede interesar