Opinión

Ensinando educación

Bo día teña vostede. Igualmente, señor. Que tal pasou a noite? Ai, moi ben; moi amable. É vostede moi educado. A culpa élle dos meus pais, sabe vostede? Sempre me ensinaron unha boa educación. Ai fillo, sé educado. Trata sempre ós maiores de vostede. E nunca lles contestes de mala maneira. Se entras a un sitio onde hai asentos ou cadeiras, cédellos a quen lle custe estar de pé. Se coincides na porta cunha muller ou con maiores, ábrella e cédelles o paso. E mais cousas que xurdan sobre a marcha.

Pois si que o ensinaron ben. Grazas, señor, é vostede tamén moi amable. Quere vostede un café? Invítoo de corazón. Ai, por Deus, neno; pero que ben educadiño me es! Mira, pois só por iso, son eu o que te invito. A ver, camareiro, ponlle aquí un café a este mozo! Que o ten máis que ganado. Cale, cale, que me vou poñer colorado. Sabe que é un pracer falar con vostede? Facemos o que podemos. Ás veces non temos con quen falar e cando nos atopamos a alguén coma vostede, espraiámonos un chisco. Pero a min non me trate de vostede, que aínda son un neno. É que os meus pais tamén me ensinaron moita educación. Xa se ve, xa. Veña, boa noite. Igualmente, señor.

Te puede interesar