Opinión

Inicio dunha traxectoria

Hai trinta anos, dous realizadores aínda mozos, irmáns para máis aquel, completaban a súa ópera prima coma cineastas: un thriller baixo en presuposto pero desbordante de ideas que sería o inicio dunha das traxectorias máis prestixiosas do moderno cine norteamericano. Estamos falando de Sangue fácil (1983), primeiro filme escrito e dirixido por Joel e Ethan Coen.

Naturais de Minneapolis con case tres anos de diferenza (Joel naceu en 1954, mentres que Ethan fíxoo en 1957), os Coen chegaron ó cine como resultado dunha interesada fusión das súas respectivas formacións académicas e tras unha aprendizaxe en distintas disciplinas: Joel cursou estudos de cinematografía nun instituto de Nova York e formouse coma realizador dirixindo curtas e vídeos industriais e traballando como asistente de montaxe, mentres que Ethan gradouse en Filosofía pola Universidade de Princeton e desempeñou traballos administrativos ata que decidiu intentar ganar a vida como escritor. A principios dos oitenta, tras facerse amigos de Sam Raimi, ó que Joel coñeceu traballando como axudante de montaxe en Posesión infernal (1982), a famosa ópera prima daquel, os Coen decidiron probar sorte coma guionistas profesionais.

Os seus primeiros traballos foron moi discretos, entre eles algúns episodios da serie policial da televisión Cagney y Lacey e tres guións para o cine: Suburbicon, unha historia de suspense que, ata a data, non se levou á pantalla; The XYZ Murders, escrito en colaboración con Raimi, e que daría pé á película deste último Onda de crimes, onda de risas (1985); e a que acabaría sendo a súa ópera prima coma cineastas: Sangue fácil. Para levar a cabo esta última, os Coen seguiron unha estratexia moi característica dos cineastas independentes norteamericanos: rodar un pequeno tráiler de tres minutos da futura película, para ensinarllo a posibles inversores. O tráiler fotografaríao o mesmo director de fotografía do filme, Barry Sonnenfeld, logo afamado realizador de blockbusters como as dúas entregas de A familia Addams e Homes de negro, con quen os Coen volverían traballar nas súas dúas seguintes longametraxes, Arizona Baby (1987) e Morte entre as flores (1990).

Te puede interesar