Opinión

Melodrama sobre asasinatos

Os irmáns Coen describían Sangue fácil como un melodrama sobre asasinatos que se desenvolve en Texas, ó estilo de James M. Cain. “Ambos  empezamos a ler as súas novelas hai uns anos –explicaba Joel Coen en 1985-. As  que máis nos gustaron foron O carteiro sempre chama dúas veces, Pacto de  sangue, Mildred Pierce e unha pouco coñecida chamada Estrada en Do Maior. Esta  última escribiuna porque era un cantante de ópera frustrado. Gustounos moito o seu  estilo duro e decidimos escribir unha historia ó seu estilo ambientada nun contexto  moderno”. De cara á súa promoción publicitaria, os Coen empregaron como slogan  unha frase de Alfred Hitchcock que o mestre británico empregara para comentar  unha famosa escena de violencia do seu filme Cortina resgada (1966): “Chegou o  momento de demostrar que difícil, penoso e longo resulta matar a un home”. A  referencia a Hitchcock non é ociosa, pois como admitiría Joel Coen: “Queriamos que  fora divertida, pero non se trata en absoluto dunha parodia. O argumento é moi  lúgubre, aínda que nunca pretendemos que a película tivera un ton sinistro.  Hitchcock sempre mesturou moi ben o humor co funesto. Cain, Hammett e Chandler  escribían tamén sobre crimes e paixóns en ebulición, pero o ton era alegre e contan  as súas historias con sentido do humor”.


A posprodución de Sangue fácil foi extremadamente lenta, pese a tratarse  dunha produción de tan baixo presuposto, alongándose durante un ano ata o  inverno de 1983. Tal e como teñen por costume, os irmáns Coen levaron a cabo  persoalmente a montaxe do filme, asinándoo co pseudónimo conxunto de Roderick  Jaynes que veñen utilizando desde entón. O seguinte problema ó que tiveron que  facer fronte foi atopar un distribuidor para a súa película. “Ó principio ninguén quería  saber nada dela –recorda Joel-. Catro ou cinco distribuidores de renome vírona e a  maioría deu un `non´ inequívoco. Sempre dicían: `Como vou vender esta película?´.  Sangue fácil non é fácil de clasificar. É unha película de crimes que semella feita  para salas de arte e ensaio, e algúns distribuidores pensaban que os afeccionados  de ambos xéneros poderían equivocarse”.       

Te puede interesar