Opinión

Mirada limpa e xenerosa


Os protagonistas de “Tori et Lokita” son dous “supostos irmáns” convertidos en vítimas de sobreexplotación laboral, abuso sexual e tráfico de emigrantes na sociedade belga. Lokita é unha moza xa adolescente e Tori é un neno de dez anos. Os dous son negros, están prisioneiros dunha rede de tráfico de persoas e son explotados, á vez, polo dono dun restaurante que os usa como correos para as súas trapalladas coas drogas. Sumidos no patio traseiro máis sucio e máis criminal da vella e cultiva Europa, Tori e Lokita non perden a esperanza. Son criaturas duns directores, os irmáns belgas Jean-Pierre e Luc Dardenne, que cren nos seus personaxes e que nunca os desposúen da súa dignidade.

A mirada de tales directores é limpa e xenerosa. Os cineastas non enganan, non son inxenuos. Saben que o futuro dos rapaces é tan escuro como a súa pel, que as súas posibilidades de vivir unha existencia laboral legal e decente son practicamente nulas, pero tamén nos saben amosar outra faceta das súas vidas: a enteireza, a forza vital, a solidariedade mutua, a súa fe nun futuro mellor, o optimismo que precisan para seguir vivindo nas condicións nas que viven.

Creo que os irmáns Dardenne acaban de realizar a súa película máis escura da súa carreira, auténtica aspereza e crueza nese cine radical propio xa dos directores belgas. Converten a pantalla no escenario dun drama construído desde o silencio. E as impecables, emotivas, tenras, precisas e arrebatadoras interpretacións dos actores non profesionais converten a película na agulla dun reloxo no que, calquera variación, por mínima que sexa, nótase. E treme.

“Tori e Lokita” é o resultado dunha fórmula precisa que mestura a sinxeleza, a boa intención, unha situación dramática e inxusta, unha ollada crítica á sociedade e tolerante ás súas zonas máis desfavorecidas. Os cineastas belgas seguen fieis á súa prosa do cotián, ó ir e vir duns personaxes en continuo movemento, cámara en man, que nos mergullan nas maltratadas vidas de criaturas asoballadas, os humillados e ofendidos da Europa continental. Película triste pero bonita, crúa pero fermosa, áspera pero emotiva. Ou sexa, marabillosa.

Te puede interesar