Opinión

O tío Jess

Etiquetas como a de “rei da serie B” ou “inventor do cine casposo” xamais poderán facer xustiza á letra pequena da filmografía de Jesús Franco que, entre dobres versións e montaxes diversas para distintos mercados, supera os 200 títulos. Foi un creador cuxa profunda cultura cinéfila non lle impediu comprometerse cos xéneros máis desamparados de prestixio.

Dentro de Jesús Franco houbo sempre un director de 15 anos. Foi capaz de rodar películas porno co mesmo entusiasmo aventureiro que poñen os nenos nas curtas que rodan cos seus soldadiños de plástico ou cos seus amigos máis impúdicos, máis lascivos do colexio. Jesús gozaba e sufría cada fotograma que rodaba coma ninguén, que vivía por e para o cine, que na súa filmografía hai todo tipo de títulos e presupostos, que transmitía unha enerxía positiva dificilmente replicable.

Conta o escritor Javier Marías que foi Jesús quen lle permitiu ganar o seu primeiro soldo cando lle encargou a tradución de varios guións de Drácula  e Fu-Manchú. Tamén lle deu a oportunidade de facer de extra “onde puiden ver brevemente a Christopher Lee e con iso xa me din por satisfeito”. Noutras rodaxes “conseguín botarlle o ollo a Jack Palance, a Herbert Lom e a George Sanders para min míticos entón e agora”.

Director, guionista, produtor, actor, montador e músico, Jesús Franco é autor dunha rica e variada filmografía dunha temática única, mestura de cine erótico e terror, ciencia ficción ou aventuras. Os seus enfrontamentos coa censura en España fixeron que a partir de 1966, moitas das súas rodaxes realizáronse e exhibíronse fóra das nosas fronteiras, chegando a rodar oito ou nove por ano e alcanzando máis fama incluso fóra que aquí. Empezou en 1959 con “Temos 19 anos”. Tres anos máis tarde optou por un musical “Vampiresas 1930”. A primeira que fixo fóra de España foi “Necronomicón”, na que busca o equilibrio entre a sensualidade e a morte. E seguiu rodando ata practicamente o mesmo día da súa morte, en Málaga, o día 2 de abril de 2013, á idade de 82 anos, tras sufrir un ictus. Nacera na mesma cidade o 12 de maio de 1930. O tío Jess foi, é unha auténtica lenda xa no cine español. E con toda xustiza.

Te puede interesar