Opinión

Shakespeare no cine mudo

As traxedias e comedias de Shakespeare, cos seus argumentos cheos de acción, romanticismo e violencia, sempre estiveron a disposición dos produtores cinematográficos, que, para máis aquel, non teñen que pagar dereitos de autor para levalas á pantalla. A maioría delas chamaron a atención de moitos dos primeiros produtores da industria cinematográfica, co resultado de que, na era do cine mudo, realizáronse arredor de catrocentas adaptacións shakesperianas. Como é lóxico, non se oía nin unha soa palabra, e a maior parte desas adaptacións reducíronse a charadas de dez minutos de duración, cheas de xesticulacións e acompañadas duns cantos rótulos explicativos, que intentaban manter ós espectadores ó tanto do que ocorría na trama.

Unha das máis serias e interesantes desas primitivas películas curtas é a filmación de “Ricardo III” (1911). Rodouse polas mañás, ó longo dunha semana. Consiste nunha serie de cadros móbiles, como debuxos animados que ofreceron só momentos claves da produción teatral. O actor Frank Benson interpretaba a Ricardo III coa súa habitual enerxía e expresividade.

Entre outras curiosidades da época, hai que salientar a filmación da gran Sarah Bernhardt disfrazada de Hamlet nunha escena de duelo de 1900, con acompañamento fonográfico destinado a producir os ruídos dos mesmo. Tamén unha versión de “Hamlet” de dez minutos de duración, rodada por Georges Méliès en 1907, con el mesmo de protagonista. Así como unha versión de “A feriña domada”, rodada por D. W. Griffith en 1908.

Pero a película que destaca sobre todas esas é a filmación da célebre montaxe de “Hamlet” (1913) que realizou Johnston Forbes-Robertson. Pagouna Cecil Hepworth, o produtor de cine máis destacado na Gran Bretaña da época e custou dez mil libras, unha enorme inversión naqueles tempos. A obra reducírona a cen minutos e, aínda así, foi das películas máis longas que se rodaran en Europa ou Estados Unidos. En 1958, o xenro do director descubriu unha copia da película, de só noventa minutos. Os demais perdéranse. Entregouna ó National Archive. Este “Hamlet” é unha obra impresionante por si mesma, pero tamén un valioso rexistro histórico da forma de actuar e de montar as obras nos escenarios británicos do século XIX.

Te puede interesar