Opinión

Sincero e claro

O 20 de abril de 1999 dous estudantes do instituto Columbine, en Littleton, Colorado, pasearon polas clases, os corredores, a biblioteca e o comedor, deixando un regueiro de sangue e morte: doce alumnos e un profesor morreron antes de que a parella homicida se suicidara. Michael Morre, un home curtido no audiovisual, sentiu que as coincidencias o empurraban a contar qué estaba pasando en Estados Unidos.

Que pasa en Estados Unidos para que cada ano haxa tanta xente que morre por culpa das armas de fogo? En Alemaña, a media actual é de 381 vítimas; en Francia falecen 255; no Reino Unido, 68; e en Estados Unidos, 11.127. Michael Morre rodou “Bowling for Columbine” buscando unha explicación a esta matanza anual a través dos seus propios ollos. A súa visión é irónica, subxectiva, ata terxiversadora en algún momento, pero sempre sincera e clara. Cun inicio demoledor (Moore vai a un banco no que, con só abrir unha conta, agasállante cunha escopeta), “Bowling for Columbine” bota por terra todos os conceptos sobados da violencia adolescente: que se é froito das pelis, ou dos videoxogos, ou da cantidade de armas de fogo que posúen os ianquis, ou do rock… O título xurde desa deconstrución de teorías: os dous asasinos pasaron as súas dúas últimas horas xogando ós bolos, así que ese deporte será o culpable das súas accións. Diante da cámara de Michael Moore pasan testemuñas, feitos, cifras e incluso unha secuencia de debuxos animados que tritura as escusas da Administración ante estas mortes. Como fin de festa, tras gravar nunha fábrica de mísiles, Moore, a quen na súa infancia o seu pai apuntou como membro vitalicio da Asociación Nacional do Rifle, visita ó presidente desta organización: o actor Charlton Heston, que adoita dar mitins nas cidades onde acontecen estas matanzas ós poucos días dos feitos.

Moore dixo nunha revista: “No meu país hai 280 millóns de habitantes, e ó menos 100 millóns son auténticos idiotas; eu falo para os 180 que aínda teñen medio cerebro, a eses ós que Hollywood non respecta”. Para eles e para o resto do mundo, está destinado o filme “Bowling for Columbine”, un bo e bonito documental.

Te puede interesar