Opinión

Tribuna | A Praza da Madalena

20191102153227302_resultado
photo_camera 20191102153227302_resultado

A Praza da Madalena é, sen dúbida, unha das prazas máis tranquilas, atrativas, recoletas e suxerentes do casco vello ourensán, que tamén serve de zona de tránsito entre a igrexa de Santa Maria Nai e a Catedral. A orixe do seu nome débese a unha capela, a Madalena, propiedade do conde de Amarante, marqués de San Miguel, desaparecida recentemente, ubicada nun solar veciño á rotonda da súa praza e a Fonte Nova ou Cruz de Pan Trigo.

Francisco Fariña Busto informounos que a Madalena “debe a súa forma a haber sido claustro de Santa María (a Nai), e contra a invasión que do seu espazo se facía, xurdiron curiosos pleitos nos séculos XV e XVI, época na que como nos séculos anteriores e ainda despois ata comezos do século XIX, se empregaba como camposanto o que testemuña as tampas atopadas no curso das excavacións realizadas e que se ven recostadas contra Santa María, destacando entre elas as que mostran orgullosos sinos de oficios de xastres e pedreiros e as que locen elementos litúrxicos (de coengos). As excavacións permitiron amplar a cronoloxía da necrópole ata a época tardorromana, recuperándose algúns dos enterramentos, reconstruidos nas salas do Museo Arqueolóxico”.

 No centro da praza elévase o interesante cruceiro realizado en granito que foi trasladado desde a Alameda (Alameda do Cruceiro), próximo á Ponte Vella, na entrada de Ourense por aquel punto; no seu basamento figura a inscripión: “Por la cyudad se Yzo este cruceiro e campo sendo Corrixidor o ldo. Bernardo Patricio Arce e Obregón 1718”, que lle proporciona un engado especial, ainda que o seu traslado fora popularmente polémico. Na cruz aparecen as figuras de Cristo maila Virxe Dolorosa arrodeada por catro medallóns con símbolos dos evanxelistas. Apoiase en tres escalóns de planta cadrada.

Outro elemento característico da praza é o seu pavimento de coios, moi abundantes na cidade, mesmo na atualidade.

 Tamén debe destacarse a denominada “rúa do Olvido” (do Esquecemento) que xungue a Praza da Madalena coa de Cisneros ou Tras Palacio, unha empinada escalinata que lle dá un atrativo especial. 

 Francisco Fariña Busto apoia a opinión de Otero Pedrayo sobre a Praza: “O caserío, máis ben modesto, era en moito parte de curiais e letrados. Hoxe, silente, sen tráfico rodado, ofrece a súa luz calma, nas brilantes tardes, reflectido no arcaico pavimento, as fachadas discretas. Fachadas de casas tradicionais, morada de artesáns e artistas -como Rodrigo de Badajoz, o construtor do cimborrio da Catedral que morou aquí-, que necesitan de urxente reparo e recuperación”.

 Artesáns pracegos foron o “obradoiro de xoieria Espino”, sito no lateral norte veciño á traseira do pazo dos Gaioso, cuxa fachada principal dá á Praza das Damas, sé da Confederación de Empresários, e o “obradoiro de encadernación” do lateral leste.

Moitas das edificacións do oeste coinciden coas do Espolón da Praza Maior e teñen parte das súas entradas pola Madalena.

No seculo XIX trasladouse o cemiterio á Horta de San Francisco e a Madalena converteuse en mercado de froitas e outros alimentos ata o traslado deste ao seu novo emprazamento no segundo tercio do século XX (Praza de A bastos).

 José Adrio Menéndez recórdanos que “as transacións de grans e hortalizas facíanse no ano 1851 na Praza da Madalena; pero esta, por carecer de cobertizos que resgardaran das chuvias do inverno e dos grandes calores estivais aos campesiños, motivou a xeral protesta, que ameazaba converterse en motín, de non ser atendido, como era xusto.

 Chegado o mes de agosto, apretou de tal sorte que á penas se presentaban horteláns coa oferta das súas mercadorías, orixinándose con isto grave contratempo ao vecindario, principalmente ao integrado polas clases menesterosas.

 Tratado este asunto na sesión municipal de 10 de agosto (de 1851]) acordouse que con toda urxencia se procedera á construción de tingladillos na praza antedita, para que baixo deles, presentasen os aldeáns os sazonados froitos das súas parcelas.

 A obra, que polo airoso e bello das súas liñas e elegante conxunto chamou a atención de propios e extranos, ainda podemos admirala, adicando á vez un recordo de gratitude ao insigne e anónimo arquitecto, autor de atrevidos como marabillosos planos.

 De novo sentíase un profundo malestar entre as clases mercantís, posto que a falta de vendas arrastraba ao comercio a unha vida lánguida.  Para evitar, no posible, a paralización dos negocios, acordouse facer un programas de festexos que pola variedade dos seus números, puidese atraer o maior continxente de forasteiros”.

 No ano 1866 a maioría das rúas da cidade acollían grupos cós distintos obxectos de venda, dispostos para as transacións mercantís. Os artigos de consumo, mesturados con toda sorte de baratixas, ofrecíanse ao público en lugares sinalados de antemán.

A autoridade popular, desexosa de evitar o desconcerto nas vendas ao ar libre, dispuxo o 16 de xuño de 1866 establecer en postos fixos determinados artigos: pan de fariña de trigo, polos, cabritos, cordeiro, leite, queixo e manteiga, na Praza da Madalena.

 Daquela é un dos recunchos de Auriabella que paga a pena disfrutar. 

Te puede interesar