Opinión

Os “gafos” do San Lázaro

Celebración do pasado San Lázaro.
photo_camera Celebración do pasado San Lázaro.

O domingo pasado festexouse o San Lázaro, festa de intenso sabor rural coa que Ourense anticipa a Semana Santa. Tarefas urxentes impedíronme simultanear este artigo coa celebración festiva, pero xa saben, “máis vale tarde que nunca”. Foi tempo de Madamitas, melindres, rosquillas e outros produtos que proliferan na festa consagrada ao santo resucitado. Pero o lugar tamén evoca tempos históricos non tan agradables como a festa. Lembren, San Lázaro era o irmán de Marta e María de Betania, amigos de Xesús e a quen este rescatou da morte despois de falecer. Ata aquí o que se coñece, pero hai outra relación indirecta co Campo de San Lázaro -actual parque- e os lazaretos e, en consecuencia, cos leprosos, os afectados polo mal de Hansen, tamén coñecidos na Idade Media como “gafos” e “malatos”.

Posiblemente tal relación veña da asimilación do citado Lázaro de Betania co outro Lázaro, aquel da parábola de Xesús “Lázaro e o rico Epulón” transmitida polo apóstolo Lucas -16, 19,31- no Evanxeo. Parece que dende os inicios da Idade Media, o feito de compartir onomástica asimilou ao resucitado co menesteroso que recollía as faragullas caídas da mesa Epulón. O mesmo que os cans lle lambían as lacerantes feridas abertas e que foron interpretadas popularmente por causa da lepra. De aí a asociación de San Lázaro coa enfermidade contaxiosa e a confusión por ser tocaios. En todo caso e sexa cal fose a causa, tanto San Lázaro como o noso campo e parque a el dedicado permaneceron unidos aos lazaretos ou leproserías dende antigo. Efectivamente, as primeiras referencias sobre o Campo de San Lázaro remóntanse ao século XII e falan dos leprosos que se xuntaban xunto á capela e hospital do santo, cerca do parque actual. Dicía Otero Pedrayo que a primeira capela -o “San Lázaro Vello” co seu pequeno hospital-, emprazábase aproximadamente no soar do colexio Curros Enríquez, e foi demolida no ano 1861. Pero a devoción ao protector dos leprosos non desaparece e constrúese outra, tamén cun pequeno hospital, no ángulo sueste do parque, cerca de onde hoxe se sitúa a escultura do Carrabouxo. O edificio aparece representado nos planos de Ourense de mediados do século XIX e desaparece nos dos inicios da década de 1920.

A investigadora Olga Gallego Domínguez cita un documento do ano 1191. Nel aparece unha tal dona Urraca Fernández facendo un donativo de dez marabedís para as “...guafarias Aure et de burgo Ripadavie”, é dicir, as leproserías de Ourense e do burgo de Ribadavia. En efecto, no hospital-lazareto e noutras construcións próximas a el, todas situadas fóra da cidade medieval, moraban aqueles gafos, como se referían aos que sofrían o terrible mal infeccioso da lepra. A modo de curiosidade a mesma investigadora recolle información, tamén documental, sobre a permisividade sexual que deriva desta enfermidade, incluso tolerando o “amancebamento” cando existía algunha parella afectada. En 1486, os procuradores dos Reis Católicos piden que non se castigue aos casados que teñen “manceba” porque neste reino de Galicia había moitas mulleres afectadas pola lepra e ausentábanse dos maridos “...y a ellos les es forzoso tomar quien les sirva”.

En 1897 inaugúrase no parque unha terceira capela de San Lázaro proxectada polo arquitecto municipal José Antonio Queralt. Pero a súa presencia foi fugaz porque en 1950 o concello decidiu trasladala. Hoxe, como saben, loce en Peliquín.

Te puede interesar