Opinión

PASARELA PEONIL SOBRE O BARBAÑA

Dúas son as razóns para escribir o presente traballo: a primeira é a de continuar ca descrición das principais pontes existentes no concello de Ourense, e a outra é a denuncia pública dos continuos verquidos contaminantes que está a sufrir o Barbaña, único afluente do río Miño que percorre a cidade de sur a norte.


O río Barbaña, mailo seu afluente o dos Muíños, foi noutro tempo un paraíso para os pescos. Nas súas limpas augas abundaban os peixes, as troitas mailas anguías. Escoitábase o croar das ras no verán e era igualmente frecuentado por todas clase de aves e mamíferos acuáticos. O caudal deste manso río aumentaba de xeito notable ca auga procedente das frecuentes choivas do inverno; así, na noite do día 14 de xullo do ano 1945. sufriu unha enorme treboada que ocasionou o seu desbordamento, traendo como consecuencia a destrución de casas, o esmorecemento de pontes, como o dos Pelamios, ademáis da morte de varias persoas e de animais que foron conxuntamente arrastrados ata a desembocadura no Miño


A longa e alta pasarela metálica peonil, construída no ano 1995, une as traseiras da Alameda do Concello e, tras voar sobre o coñecido como parque Barbaña, remata na confluencia das rúas de Alexandre Bóveda e Pura e Dora Vázquez.


O deseño tradicional da estrutura, de 110 metros de longo, con accesos nos extremos, alberga catro vanos de apoio cunha luz máxima no maior de 35 metros, namentres que nos outros tres é de 25 cada un. A calzada da pasarela se compón dunha estructura con forma de 'T', con reixa a base dunha pretiña de aceiro que forma unha cuadrícula. Sobre esta se asenta o pavimento de madeira tratado para a súa máxima resistencia cara a intemperie, actualmente recuberto, sendo o seu ancho de tres metros libres, atopándose protexido por unha varanda de ferro unida á propia estructura da pasarela. A altura máxima dos piares, dende a cimentación ata a calzada, acada os 11,50 metros. Un sistema interno de luminarias garante a libre circulación pola noite deste importante e céntrico paso de comunicación entre ambas marxes do río Barbaña.


A autora deseñadora do proxecto desta destacada e sinxela obra, inxustamente valorada, foi a arquitecta do Concello de Ourense María Arteche. O orzamento da mesma acadou a cantidade de 31.818.012 das antigas pesetas, actualmente 191.230,9 euros, sendo Metaldesa a empresa executora da obra.

Te puede interesar