Opinión

Denunciar para acadar obxectivos políticos

O caso de Mónica Oltra non foi nin será o derradeiro. Denunciar tentando acadar réditos políticos seguro que seguirá existindo, e sempre haberá xente da vida partidaria que facendo esas manganchas terá aliados nalgunha prensa para tentar influir na opinión da cidadanía e mudar o sentido do voto.

Facer ver que todo é corrupción sempre foi un obxectivo que a dereita empregou con moita frecuencia. Aínda que lle afecta, é moito, o seu electorado apenas o penaliza, mentres que na esquerda eso págase coa perda de moitos apoios. Non hai moito tempo aconteceu no veciño Portugal co primeiro ministro, António Costa, e despois da dimisión dese señor e a convocatoria de eleccións chegou un cambio de tendencia que favoreceu ós conservadores e auponos ó poder na república veciña. 

Nesta cidade tamén aconteceu algo semellante co bipartito hai uns cantos anos. As imputacións da man da xuiza De Lara foron a causa. No seu afán xusticieiro, esta señora esnaquizou unha alternativa de goberno que tiña unha maioría sólida. E, ó final, despois das dimisións e dun calvario penal, todo quedou en auga de borralla. Mais, o obxectivo cumpriuse, e agora xa temos a un salvador no Concello que esnaquiza todo o que toca. Un predicador ó que se lle enchía a boca laretando ós catro ventos que ia arranxar todos os problemas que temos na cidade das Burgas en apenas uns meses. Mais, como do dito ó feito vai un treito, agora, de todo o prometido, nada de nada, e xa van seis anos. E a cidade está peor que cando el e os seus colegas chegaron a ocupar a cadeira de mando. 

O caso da señora Oltra seguro que non será o último, pois haberá moitos máis. A loita partidaria case sempre é moi marrulleira e, aínda que sexa a costa do descrédito da política, sempre hai quen empregue as trampas máis escuras co único afán de acurtar o camiño para chegar ó poder.  Diante esta situación, os diferentes partidos teñen normas que sobor de todo na esquerda debían de revisalas. Conforme na dereita non se dimite ata que hai sentencia definitiva, na outra banda soamente con que te imputen xa tes que dimitir, xa estás condenado ata polo teu partido. Lembro casos como o do alcalde de Lugo sr. Orozco, que tamén foi imputado, máis no dimitiu, e co paso do tempo as imputacións foron caendo ó chan e remataron arquivadas.

A política debera ser a prestación dun servizo á sociedade e tamén un exercicio nobre. Mais, a día de hoxe, non o parece. Todo está enmerdado de tal xeito que, ás veces, da noxo escoitar a algúns cargos que hoxe están na oposición e tamén no poder de entidades públicas de importancia. Cargos que insultan e chámanlle golpista ó presidente e camarilla ós actuais gobernantes.

Feijoo dixo recentemente que hoxe tíñamos a peor clase política. Supoño que dentro desa peor clase política tamén está incluído o seu partido e el mesmo. Para que non aconteza o que dixo, convén que no Congreso e demais institucións públicas se debatan propostas ós problemas que ten a sociedade actual, e que non se perda o tempo co insulto. Compre chegar a acordos en asuntos básicos de Estado e que non se bloqueen institucións públicas por intereses partidarios como acontece hoxe por parte dos conservadores. 

O caso da señora Oltra volve deixar un arrecendo de inxustiza, pois a xustiza como é moi lenta, non poderá paliar a maldade e os danos causados por unha acusación sen fundamento. E o malo é que hai acusacións que axudan a torcer a vontade popular como aconteceu e acontece en moitas institucións e lugares. Esperemos que volva o sentidiño á política polo ben da nosa sociedade. 

Te puede interesar