Opinión

Un paso máis para recuperar o Barbaña

No mundo onde vivimos, agás nos poucos países comunistas que quedan de economía planificada, a iniciativa privada vai sempre diante da pública. E seguindo este patrón, alomenos ate agora, aconteceu que primeiro nacían as empresas e logo planifícase o chan industrial, a recollida e depuración de vertidos, etc. En Ourense existen exemplos varios para demostrar o que digo. Citarei algúns: nos anos sesenta naceu o polígono de San Cibrao, e despois de moitos anos de existencia empezouse a recoñecer que os vertidos do mesmo eran un lastre negativo para o Barbaña. Igual aconteceu coa área comercial de Barreiros, pois cando levaba anos de existencia foi legalizada polo Concello de San Cibrao e empezouse a pensar que se facía cos vertidos que ían ó mesmo río.

O certo é que, polos anos oitenta do século pasado, a asociación San Breixo de Seixalbo empezou a reclamar unha solución para recuperar o que fora un río limpo onde nos bañábamos todos. E despois de anos de denuncia, sendo José Cuíña conselleiro da COTOP, asumiuse a necesidade de facer unha depuradora para recoller todos os vertidos que viñan do polígono e da área comercial de Barreiros. Aquela inversión complementouse cos paseos polas beiras do río. Consecuentemente, o río mellorou e a xente empezou a valorar dunha maneira positiva esta canle natural que ía camiño de se converter nunha cloaca. Pero aínda así, a situación do Barbaña está moi lonxe de ser o que era antes da chegada da industrialización. A depuradora actual non é suficiente para sanear as augas que veñen con diversos vertidos, o que complica a súa limpeza.

Pero con todo o feito, as augas seguen a vir turbias e o río, na parte que está preto das áreas industriais, está morto. As deficiencias son achacables a non recollida total das augas para que vaian á depuradora, ós vertidos incontrolados que nunca son localizados nin sancionados, e a unha depuración deficiente que soamente elimina sólidos e lodos.

Que falta por facer? A pregunta pode parecer retórica, pero non. Falta por mellorar a depuración; falta tamén unha vixilancia moito máis continua que, localizando ós vertidos, aplique con contundencia sancións; falta que se cumpra a lei de augas e que o acceso polos laterais do río teña pistas, pois cando se pode camiñar á beira dunha canle revalorízase o entorno natural e é moito mellor de controlar o seu estado.

En fin, hai moito por facer no eido do medio ambiente. Con todo, a nova de que vanse investir dous millóns é pico de euros para mellorar o saneamento do Barbaña, é unha noticia positiva que pode axudar a recuperar o estado dun río moi castigado pola contaminación das áreas industriais, e a comprender que a reivindicación dos movementos que defenden a natureza, como a Plataforma Ríos Limpos, axudan a mellorar o medio ambiente, tan deixado de lado polas administracións públicas.

Te puede interesar