Opinión

Unha semana de friaxe

Cando febreiro amosa a friaxe con máis contundencia, as novas que día a día saen a luz fan un paralelismo acorde co tempo. Non podía ser doutra maneira, aínda que as verbas dos que mandan se obstinen en repetir como un mantra unha mentira para que esta pareza verdade: medramos máis ca media europea, polo que a crise xa quedou atrás.

Vivimos nun mundo onde a realidade dos feitos non concorda co que acontece na sociedade para a que, segundo din, gobernan os conservadores. E nese camiñar un tanto desconcertante, os dados son realmente malos en xeral, pero moi fríos para esta terra. En Galicia o paro, no mes de xaneiro, aumentou en 3.286 persoas, quedando o número total de desempregados en 259.000. Desta maneira en Ourense temos 801 parados máis e 1.027 afiliados á Seguridade Social menos. Camiñamos, con paso firme, cara a consolidación dunha provincia subsidiada e sen futuro inmediato.

O éxito da reforma laboral de Rajoy trae un balance negativo, e o despegue económico, nin está nin se espera. Por iso a máxima do liberalismo que di “para crear emprego primeiro teñen que gañar moitos cartos os empresarios”, parece que indica que non hai empresarios satisfeitos ou que o dito non funciona.

Pero a semana deixounos unha gran manifestación en Compostela. Milleiros de galegos reclamaban “Queremos galego”, pois os tempos anuncian a desaparición controlada dun idioma, por falla de accións de quen goberna. Na Galicia actual camiñamos arrastrados pola riada da globalización cultural, e quéresenos furtar a nosa personalidade cultural. O noso idioma é unha obra nacida da man de miles de xeracións de galegos, e está esmorecendo incentivada por desleixo e a ideoloxía dos que mandan na Xunta. 

O presidente Feijoo di que no ensino, a supervivencia do galego está asegurada, verdade a medias. E que o problema está na sociedade. Concordo coa segunda parte, pero o Executivo que preside, que fai para solucionar este problema? Que iniciativas toma? Ren de ren. Pola contra, dilapida os cartos públicos nunha publicidade que a milleiros de persoas escandaliza. 302.500 euros para o fillo de Julio Iglesias por poñer unhas imaxes de Galicia nun vídeo. O argumento é que tivo máis de 600.000 visitas para ver e escoitar a un mozo que seica canta. En fin, deixemos o de cantar, pois sobre iso hai moito que falar. 

Vivimos tempos de mudanza negativa. Vivimos tempos de incerteza sobre o noso futuro e o da nosa terra. Os que a gobernan teñen unha idea na cachola, idea que non amosan claramente por mor de non asustar e crear polémica, pero seguen coa súa teima de acabar coas identidades colectivas para converternos en masa uniforme, despersonalizada. E de momento, se a sociedade non reacciona gañan a batalla.

Con todo, o refrán que di “no tempo dos tolos hai que ouvear como eles”, non é a mellor solución. Lembrade o que pasa moi preto de nós. O Ourense con maiorías absolutas camiña cara o empobrecemento. Non existe nin ten problemas e non reivindica. Se queres ser algo nesta vida, nunca renuncies ás túas raíces, e fai visibles politicamente as túas reclamacións. 

Febreiro veu cargado de friaxe en todos os sentidos. A crise non marchou, vive con nós. Por iso dúas cuestións: unha, por que miramos cara identidades alleas e ignoramos a nosa, e non nos facemos valer? Dúas: por que esperamos polos remedios que virán de fora a sacarnos da nosa pobreza?

Grave erro esperar polo que nunca chegará. Polo tanto, non creamos o que nos contan, pois maiormente son trolas ou verdades a medias. Miremos máis cara nós e fagamos valer un refrán que di: “Fun á casa do veciño (fun pedir axuda) e amoleime, e viñen á miña e arregleime.” Miremos para a nosa terra, para as nosas riquezas naturais, para as posibilidades que nos oferta, reparemos e conservemos con orgullo as herdanzas positivas recibidas, como a lingua; non lle neguemos a fala ós fillos, e miremos ó futuro facendo visibles os nosos problemas e as nosas reivindicacións que, de seguro, virán tempos mellores.

Te puede interesar