Opinión

Allariz, o cambio 
que deu vida

Sen lugar a dúbidas, Allariz chama a ser visitada, tanto polo atractivo da propia vila como por unha contorna na que as montañas debuxan unha paraxe pintoresca, non ferida como tantas outras polo exceso de cemento, e onde se mantén o bosque autóctono (castiñeiros, carballos, salgueiros, amieiros, bidueiros,...). A vila, ademais de contar cun mosteiro como o de Santa Clara, do primeiro gótico (século XIII), as igrexas parroquiais de Santiago e a de San Pedro, románicas, conserva partes da muralla, de ate 4 m de groso.

En Allariz, asemade destacan varios edificios civís, como son o pazo do xulgado, casa-torre de Castro Ojea, a casa e balcón de Amoeiro, a casa-torre de Sandoval, a ponte de Vilanova sobre o río Arnoia de orixe románica, ou os distintos curtidoiros, como a Torre Lombarda, e varios muíños. Algúns destes edificios foron aproveitados para restaurantes, aloxamentos, ou como museos temáticos (xoguete, coiro, teares, etc.). Tamén paga a pena participar da Festa do Boi ou da exposición internacional de xardinería. Non menos valor teñen os amendoados, as rosquillas, ou outras exquisiteces gastronómicas.

Todas estas potencialidades, ou son propias da natureza do lugar, ou construídas ao longo de séculos, mais desaproveitadas en gran medida ate hai 25 anos, por desleixo, complexo, ou seguidismo acrítico das tendencias dos centros de poder, que sempre impuxeron modelos que lle son funcionais ao proceso de centralización e concentración económico e político. No ano 1989 esta tendencia regresiva inverteuse por obra da mobilización popular que se opuña á degradación do río Arnoia, consciente de que este era unha fonte de riqueza importante pra vila e a bisbarra. O 11 de agosto un numeroso grupo de veciños tomaron a casa do Concello esixindo do alcalde, do Partido Popular, a súa dimisión, xa que tiña unha responsabilidade directa neste tema. A corporación municipal estaba formada por 5 concelleiros do PP, 4 do BNG, 2 do PSOE e 2 de CPG.

Despois de tres meses de mobilizacións, cun enorme arroupe dos veciños/as, os nove concelleiros que apoiaban o goberno municipal dimitiron. Na mesma rolda de prensa na que se facía o anuncio, coa participación do presidente da Deputación, Vitorino Núñez, o alcalde daba a coñecer dous decretos polos que nomeaba a Anxo Quintana como alcalde e aos outros tres concelleiros do BNG como tenentes-alcalde provisionais, ate a celebración do pleno do 22 de novembro de 1989. Algúns medios salientaban que o desenlace era consecuencia da triunfal recepción que lles fixo o povo de Allariz aos catro detidos da protesta veciñal ao seren postos en liberdade.

O cambio no governo trouxo ideas novas, de confianza na xente, nas potencialidades do lugar, e un xeito distinto de facer política no concello. Encetou unha nova xeira nesta antiga vila, que foi fundada no século VI por un tal Alarico do Reino Suevo da Gallaecia. Con seguridade, nun primeiro intre, serviulle como referencia ao novo governo o exemplo de Fene, un concello que había anos que governaba o BNG, con eficacia na xestión e potenciación da cultura, lingua e historia da nación galega. Mais, resulta evidente que Allariz deu un paso máis no modelo de facer boa xestión municipal por parte do nacionalismo, mesmo en temas que están pra alén das competencias locais, como é incentivar a xeración de emprego.

Neste caso debo dicir que, como persoa nada en Seoane, na Terra da Mafua, malia que marchase moi neno pra Covas de Berredo na Bola, e axiña cara a emigración a Bos Aires, síntome orgulloso da evolución de Allariz. E coido que sería positivo que todos os concellos de Galiza atopen tamén o seu alento de vida. Mesmo sabendo que neste contexto non hai cambios reais sen soberanía e xustiza social, as pequenas transformacións son fundamentais.

Te puede interesar