Opinión

Cando se rachan os equilibrios

Otempo amosou que os escenarios planificados, mesmo o menos optimista que previa unha segunda onda da pandemia en outono, resultaron superados negativamente polo morea de gromos do covid-19 en pleno vrau, e non só no Estado español, dado o medre que se está a dar en boa parte de Europa. Sen dúbida alentou este “rebrote”, a mobilidade asociada ás vacacións, coidar que o peor estaba superado e o relaxamento nos sectores menos afectados, por exemplo a mocidade, e a necesidade de compensar a dureza do confinamento volvendo á vida “normal”. 

O que está a acontecer reflicte que sempre hai que estar preparados pra o peor escenario, que o virus é máis perigoso do que se pensaba, ao que axuda a estrema mobilidade, o amoreamento urbano, a desfeita ecolóxica, a precariedade. Non se pode relativizar o número de persoas mortas ou que quedan con algún tipo de doenza, e as consecuencias negativas sobre a actividade económica, o emprego, e o comportamento social e o modo de vida. Estima a OMS, que mesmo contando coa vacina pra primeiros do vindeiro ano o covid-19 seguirá condicionando as nosas vidas os próximos dous anos, porque a pandemia está estendida a todo o mundo.

En poucas palabras, pra atallar a pandemia hai que facer un importante investimento no sistema sanitario e nas empresas de subministros, no ensino e protección social, por exemplo nas residencias da terceira idade. Semella que ficamos moi lonxe de cumprir estes obxectivos. Asemade é esencial alentar e esixir disciplina social, lembrando que os nosos dereitos rematan onde comenzan os dos demais; así como desenvolver a solidariedade con aqueles países que carezan de recursos pra atender e vacinar ás persoas contaxiadas e realizar prácticas preventivas. Non se terminará co covid-19 mentres non se eliminen todos os focos no mundo. 

Neste contexto Pedro Sánchez ofreceu a posibilidade de impoñer o “estado de alerta” sanitaria nas comunidades ou comarcas que fose preciso, garantindo o apoio dos partidos do Governo pra que sexa aprobada polo Congreso, a requirimento de calquera presidente/a autonómico. Segundo Pedro Sánchez é lóxico que sexan as autonomías as que o soliciten dado que é unha competencia transferida e a situación é moi distinta en cada unha delas (algo que é verdade). Claro que sendo así non se entende porque á última palabra está en mans do Congreso español, non só na cuestión normativa, cando a execución está transferida. Por suposto á dereita non lle parece acertado que os/as 

presidentes autonómicos soliciten o estado de alerta directamente ao Congreso, veno como unha cesión de competencias, cando é un dereito que lles outorga a lei dende o ano 1981. Sen dúbida houbese sido máis correcto e áxil que fosen os parlamentos das comunidades os que aprobasen a medida. Non ten xustificación que en temas de execución de competencias, mesmo sendo temas complexos, impere o centralismo. 

É evidente que a pandemia deixa leccións. A primeira delas a fraxilidade da humanidade e do equilibrio ecolóxico. A segunda, que este modelo económico e social, e o modo de vida asociado, é imposíbel de soster (presión demografía, esgotamento de recursos primarios, deforestación, cambio climático, turismo de masas, desequilibrio territorial, precariedade laboral e social, etc.). A terceira, que o sector público é fundamental pra loitar contra esta pandemia e calquera outro tipo de situación de alarma, pra garantir a saúde da povoacion, ingresos mínimos ás familias e salvar o tecido empresarial. A coarta, que a actividade produtiva debe ficar o máis achegada posíbel ao consumo, xa que se evita que poda existir un grave desabastecemento por pandemias, conflitos políticos, desastres climáticos, etc. Ten que existir un equilibrio, xustiza, solidariedade, igualdade... 

Te puede interesar