Opinión

Corbyn, paralelismos 
e ensinanzas

O triunfo de Corbyn no Partido Laborista británico pon máis unha vez en debate a fraxilidade da socialdemocracia, como a segunda pata de sustentación do capitalismo, da democracia occidental, e dun hipotético estado de benestar. Con antelación, isto xa aconteceu en Alemaña co SPD, en Francia co Partido Anticapitalista, en Grecia con Syriza e no Estado español con Podemos. Agora ben, aínda que en todos estes casos hai semellanzas, tamén son notorias as diferenzas que impiden facer calquera paralelismo ou tirar unha conclusión mecánica que se poda trasladar a outros países. Porén, dito isto, hai que salientar aspectos que teñen un carácter universal.

Corbyn confrontou coa burocracia interna e co grupo parlamentar, nunha organización moi institucionalizada, e que se sente e forma parte das estruturas do sistema. O seu triunfo, cun 59% dos votos, amosa ate que punto a base militante e os simpatizantes estaban afastados da dirección e perderan confianza nela. Esta sería a primeira conclusión que deberíamos tirar, deixando nun segundo plano as anécdotas, por exemplo, que conseguiu o apoio pra poder presentar a candidatura grazas a deputados contrarios á súa liña, mais que coidaban que lle daban así máis credibilidade ao proceso. O outro aspecto importante é que foron milleiras as persoas que pagaron 3 libras pra votar a prol deste xiro, e que coa súa vitoria o partido gañou 15.000 novos afiliados/as. O terceiro feito que cómpre destacar é que se trata dunha persoa que ten máis de 60 anos, que leva 30 anos de deputado. Non hai polo tanto un cambio xeracional. Porén nunca se dobregou, e non marchou do partido malia que votou distinto 500 veces. Apostou pola unidade e a coherencia ideolóxica, din que cunha liña anticapitalista e antiimperialista.

Ou sexa que a súa historia pouco ten en común coa de Tsipras ou Pablo Iglesias, tanto en idade, como no relativo a como entender a folla de ruta e o papel do partido. O tempo dirá se hai coincidencias programáticas e con relación ao que representa a Unión Europea. Resulta evidente que Corbyn non ten por diante un contexto doado no interno, xa que a inmensa maioría dos/as deputados do partido apostan polo social-liberalismo, ou sexa, por unha reforma mínima do sistema, na que exclúen un papel pra clase traballadora. O certo é que o seu triunfo acumula a prol das forzas progresistas na Unión Europea. Mais isto non abonda, porque unha gran parte da esquerda perdeu o seu nexo coa clase traballadora, e polo tanto cos intereses da maioría social, e carece de atrevemento pra rachar coa globalización, ou sexa co camiño que dá folgos á centralización e concentración do poder e da riqueza. A pregunta é: cal é a postura de Corbyn neste tema? Non é unha cuestión secundaria, xa que foi en última instancia a que definiu a postura de Syriza no debate coa UE en relación a aceptar as condicións do terceiro “resgate”.

O preocupante é que as forzas que se presentan como alternativas utilicen o triunfo de Corbyn como reflexo dunha mudanza da correlación de forzas na UE, pra dar de novo folgos ao espellismo de que é posíbel axiña, pola vía electoral, dar volta ao capitalismo. Preténdese deste xeito agochar o fracaso da experiencia grega, do electoralismo e das propostas socialdemócratas. A consolidación da UE debilitou a esquerda e o movemento laboral e social, e non hai indicios, non sendo localizados, que amosen que isto está en proceso de reversión. Hoxe, o máis evidente, son as contradicións entre as burguesías dos países da Unión, e por suposto o aumento das desigualdades sociais e entre territorios. De como as forzas antisistémicas resolvan estas contradicións, claramente unificadas cando se trata da confrontación entre centro e periferia, dependerá o futuro das clases populares. E o resto son lerias.

Te puede interesar