Opinión

En tempos de 
retos estratéxicos

Ficamos nunha conxuntura complexa, en moitos aspectos límite, onde se xoga a supervivencia da humanidade. Un tempo de grandiosos avances técnicos, que contrastan coa desfeita ecolóxica, o retroceso nos dereitos laborais, na democracia formal, coa economía especulativa e delituosa, as emigracións masivas e as guerras híbridas. Semella que pasamos de súpeto, da etapa final da ilustración, do humanismo, ao triunfo absoluto da irracionalidade, iso si, disfrazada de postmodernismo e de espectáculo. Hai quen coida, mesmo dende posturas transformadoras, que todo está perdido, que este devalar é irreversíbel.

O certo é que a evolución sempre estivo sometida a avances e retrocesos, nunca foi unha liña recta. Mais ao final consolidáronse conquistas sociais e democráticas. Non estou a avalar o determinismo, senón lembrando as leis que marcaron a historia, e a capacidade da humanidade pra avanzar e se preservar como especie. Agora ben, esta evolución foi posíbel porque houbo contestación ao poder dominante, vontade de transformación, e sobre todo, loita no eido das ideas, propostas dun modelo alternativo, organización e referentes persoais exemplares.

Transformar a realidade é difícil. Non é unha tarefa onde os resultados estean garantidos. Mais a historia reflicte que existen moitas posibilidades de que sexa unha conquista certa, porque o sistema non asegura unha vida mellor ás maiorías sociais, mesmo a aqueles que destacan polo seu traballo e formación. Asemade as perspectivas futuras apuntan a un medre das desigualdades, especialmente entre clases e territorios. Aínda segue sendo determinante a clase, a nación, a raza, o xénero, o ámbito urbano ou rural, e mesmo a idade.

Un dos aspectos que impactan nas nosas vidas, e que atinxen por igual a todos os seres humanos, é a degradación do medio ambiente. Hoxe resulta imposíbel de negar, mesmo por parte daqueles que colocaban a ideoloxía por riba das evidencias contrastábeis. Así se reflicte no desxeo dos polos, na na intensidade das tormentas ou secas, nas vagas de frío ou calor en estacións nas que non corresponden. A pregunta é ate que punto se vai degradar e con que rapidez o medio ambiente, cales serán as consecuencias sobre a produción, que enxurradas migratorias vai causar, cales serán as consecuencias demográficas, sociais e ate que punto vai alentar a confrontación entre povos.

A solución a estes desafíos urxe! Necesita dun consenso mundial e de solidariedade. Os países máis ricos son os que teñen recursos pra achegar solucións, e asemade son os que máis agreden o medio ambiente. Agora ben, ademais da diminución das emisións contaminantes, dunha mudanza nos hábitos de vida nos estados tecnicamente máis avanzados, fai falla ao mesmo tempo que se free e retroceda a densidade demográfica nos países máis povoados e/ou con maior natalidade. E iso significa axuda pra desenvolver a economía e mellorar os servizos básicos e a planificación demográfica. Cómpre unha reconsideración sobre o modelo económico e social no mundo, terminando co troco desigual, coas guerras de intervención, coa colonización e a dependencia. Implica ademais unha distribución solidaria e equitativa do traballo e da riqueza entre países, e no interno de cada un deles.

Sen confrontar estes problemas de fondo, ou sexa, sen cuestionar o modelo de acumulación e un desenvolvemento irracional cuxa única finalidade é o lucro, encontros coma os de París, que non deixan de ser necesarios e positivos, non porán remedio á destrución do ecosistema. Só adiarán o desastre. Todo serán remendos con obxectivos políticos e unha finalidade económica. E na Galiza, e no norte do Estado español, seguirase a queimar o monte en inverno, como aviso do que virá despois, aínda que non sexa algo inmediato.

Te puede interesar