Cando estou ás portas de ir pra o outro mundo, chego con este artigo aos 3.500 publicados en La Región dende 1959, que da man de don Ricardo Outeiriño e co visto bó de don Alejandro, escomencei a miña andaina como colaborador diste noso xornal. Houbo unha época que escribín perante tres anos tódolos días un recuncho nas páxinas de opinión. Fixen pés de foto e algún reportaxe dende O Grove ata Ortigueira.
Tratei a Jimeno, Álvarez Alonso, Guede, Alejandro L. Outeiriño, Alvarado, Manolo Rey, Ellacuriaga, Salvador Huete e seu irmán Ángel. Tamén a Luis Padrón e Enrique Reza. Tódos eles amigos e uns grandes profesionais. Que pateaban Ourense cando non existían nin o fax nin o correo electrónico. Todos a pé de rúa. E non quero esquecer a Arturo Lezcano. Compartín páxina con don Ramón Otero Pedrayo, don Vicente Risco, don Eduardo Blanco Amor...
Escomencei en pleno franquismo, no 1969, a escribir en galego, non normativizado. O noso idioma foi maltratado por uns e outros, e así nos vai... Eran os meus comenzos cando tiña que levar á censura os artigos pra que lle deran o visto bó. Lembro unha anécdota. Escribín sobor da Infantería carlista (endexamais no noso xornal mo prohibiron) e ao ir a recolle-lo artigo, o delegado de Información e Turismo, un tal Tresguerras, díxome: '¿Por qué no menciona a Franco?' Eu sorrín e espeteille. '¿É que Franco fixo as guerras carlistas?' Moitas serían as anécdotas. Moitos son os recordos. Moitas as gratitudes. Moitos os artigos, que os teño todos archivados e se alguén quere facer unha aposta demóstrolle que son o decano dos colaboradores.
A vida noto que se vai acabando. Pra eso nacemos, vivimos e morremos. E terei que darlle contas ao Creador da miña fe pequena e dos moitos, pro moitos, pecados. Máis que obras boas. Non fun, nin son santo. Son un probe miserable pecador.
Graciñas aos que me leen de cotío en La Región.