Opinión

Tempos

A verdade é que xa vai dando en manía a miña continua apelación aos tempos de antes, ben que nesta ocasión, polas Festas que veñen, poida que estea un pouco máis xustificada. Nos últimos anos, ao chegar aos días de Nadal, non podo por menos de traer ao recordo as diferenzas entre os regalos que os Reis nos ‘traían’ aos nenos daquela época, coa abundancia de artigos de todo prezo cos que, excepcións aparte, se lles agasalla agora. Compárense os regalos de ‘unha peseta e catro figos envolvidos nun papel’ que era o que marcaba a pauta naquel entón, cos teléfonos móbiles, ordenadores, wii sports, televisores full HD, videocámaras, motos eléctricas, que hoxe en día están a esixir os rapaces. Mais, as diferenzas non se limitan a cantidade e calidade dos regalos recibidos polos agraciados. Non. Que ten habido outros cambios que tampouco son pequenos. A ver.


Por unha parte, son distintos os transportistas (dito con todo o respecto), como distintos son os medios de transporte empregados. Unha tarefa reservada antes en exclusiva, cando menos no noso entorno, ós tres Magos de Oriente, pero que nos últimos tempos teñen que compartir cometido cun duro competidor, como é o Papá Noel, que non deixa de gañar adeptos cada ano que pasa. O dos Reis Magos, como regaladores, ven de moi antigo e sempre se tomou como algo natural. En cambio, a figura do Papá Noel é moito máis confusa, que nin sequera no seu nome hai acordo, pois tamén lle din San Nicolás de Bari, Padre Pascua, ¡Santa Claus!, e outros. En todo caso, santo europeo, que popularizou a americana Coca-Cola en beneficio propio.


Cambios no medio de trasporte. Camelos maxestosos no caso dos Magos de Oriente e trineo humilde tirado por renos no caso do Santo. Distintos os medios de transporte e distintos as súas roupaxes. Ricas vestimentas de seda e delicadas colores as dos Reis, e roupas bastas de colores vulgares as do Papá Noel.


Uns cambios que tamén están afectando ao número de beneficiarios. Nun principio reservado aos nenos, pero que no momento presente alcanza a persoas de tódalas idades. Raro o pai, a nai, o avó, a avoa, a parella e, por suposto, o cativo, que non espere e reciba algún agasallo.


E por último, a que eu considero diferenza máis significativa entre os tempos de antes e os tempos de agora. Falo do número de días de Nadal en que hai entrega de regalos. Nos seus comezos, nunha soa data: o 6 de xaneiro, que era o día propio dos Reis. Máis tarde, tamén o día de Nadal. Logo, e tamén, o día de Ano Novo. Despois, a Noite Boa, a véspera de Reis, e o Fin de Ano. Parando de momento aí. Pero claro, o día que os espelidos descubran que o 26 de decembro é o santo de Santa Abundancia, xa terán motivos máis que de sobra para meter un novo día de regalo. Ao tempo.



Te puede interesar