Opinión

Mario Guede

Nunha tarde noite chea de celebración e recoñecemento, e xa van vinte e dúas, a Gala + Deporte de La Región foi, unha vez máis o escaparate para destacar o traballo, o esforzo e os excelentes resultados de deportistas, equipos e clubes que levan con orgullo, e en moitos casos máis aló das nosas fronteiras, o nome da nosa cidade, Ourense.

Emocionante ver como os soños se materializan e o esforzo, tan deostado nestes tempos, da froitos. Felicitacións para todos e cada un dos premiados, de xeito particular e colectivo.

Pero a deste ano foi unha gala especial tamén para quen, máis aló do ámbito deportivo, tivemos e temos a sorte de traballar e compartir momentos con Mario Guede, ao que o xurado recoñeceu o seu compromiso co desenvolvemento do deporte local en Ourense e a pegada que deixou en moitos clubes e atletas da nosa cidade.

Con paixon, desde os seus inicios como docente e máis tarde na administración, impulsou o deporte escolar e de base ao mesmo tempo que facía de fonte de inspiración de moitas xeracións de ourensáns.

E paixón tamén nos campos de xogo. Cantas tardes de bo fútbol gozaron os afeccionados do CD Ourense alá polos anos 86 e 87, cun equipo cheo de xogadores locais e aos que Mario Guede axudou a cultivar, ao igual que a moitos outros deportistas, ademáis de habilidades físicas, valores arraigados de traballo en equipo, disciplina e resiliencia.

Querido Mario, a túa dedicación e compromiso foi exemplar no apoio ás entidades, aos eventos deportivos e na promoción de instalacións na cidade, tanto na zona urbana como nas parroquias do rural.

Pero ise compromiso foi maís alá priorizando o contacto persoal. Quen xoga o sábado ou o domingo? E sempre había fútbol, ou voleibol, ou ximnasia, piraguismo...daba igual a disciplina, porque cada fin de semana eras capaz de asistir a todos os lugares onde se che necesitaba e onde crías que podías achegar algún valor engadido.

Por iso este recoñecemento, esa mención especial na Gala + Deporte da pasada semana, non só valida a túa traxectoria no plano deportivo, que tamén. É moito máis, valida a túa calidade humana e o compañeirismo que atesouramos os que temos a sorte de chamarche amigo.

Mario, grazas por unha vida dedicada ao deporte en Ourense e por inspirarnos a todos a ser mellores, “dentro e fóra do campo de xogo”.

Te puede interesar